Visións de sustentabilidade no municipio de Covelo, por Xulio Eiroa Mera
"O manexo da terra era máis que sostible pois o coidado do solo era fundamental, xa que a alimentación das persoas e tamén do gando fundamentábase na agricultura de cultivos tradicionais de Galicia."
Nesta reedición dixital do libro elaborado no ano 2007 o lector terá a oportunidade de coñecer dúas visións da sustentabilidade. Por unha banda, o colexio representa a visión actual onde a idea dos pequenos está centrada sobre todo na reciclaxe, mentres que os maiores expoñen a súa visión máis tradicional e sustentable da vida cotiá do municipio.
O enfoque tradicional no uso da terra, a axuda do gando, o aproveitamento da auga, o coidado dos montes e do ecosistema no seu conxunto, son accións de xestión da vida e da sociedade que fundamentan os seus principios no coñecemento dos ciclos naturais e a evidencia da necesidade de pechalos na súa totalidade, de tal forma que non exista o desperdicio, o residuo. Todo ten unha función, contribuíndo e completando a supervivencia no medio sen deterioralo. Conceptos como capacidade de carga e pegada ecolóxica están implícitos nos procedementos tradicionais herdeiros dun equilibrio cíclico mantido ao longo dos séculos e que atopa o seu momento de ruptura a partir da extensión e do uso masivo dos combustibles fósiles.