Present News



Concello e Deputación visitan as obras de mellora da estrada Maceira-Avión
- 11/04/2024 -

A Deputación investiu máis de 300.000 euros na mellora da estrada provincial EP-5104 entre Maceira e Avión
O alcalde, Pablo Castillo, visitou xunto á deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, a estrada provincial EP-5104 entre Maceira e Avión na que a Deputación de Pontevedra investiu máis de 300.000 euros. A visita tiña por obxectivo “analizar de primeira man o resultado final da actuación”, xa rematada, que, tal e como asegurou a deputada, “consistiu na mellora do firme para garantir a seguridade viaria da estrada provincial”.


O alcalde de Covelo manifestou a súa satisfacción polas obras de mellora do firme e pola colocación de sinalización indicativa de parroquias “que era ademais unha demanda veciñal”.


A actuación desenvolvida abrangue un ámbito de 6.600 metros dos 10.500 que ten a estrada provincial entre Maceira e Avión. En liñas xerais executáronse melloras nos tramos que presentaban maiores deficiencias, reparando o firme para mellorar a súa capacidade portante e as súas características superficiais. Realizáronse tamén saneos, debido á presenza, entre outros elementos, de auga e raíces de árbores, e tamén se instalou drenaxe naqueles lugares onde había afloracións de auga na calzada. Ademais, na liña de mellorar a seguridade viaria da estrada e salvagardar a debida prestación do servizo público viario, a actuación completouse coa reposición da sinalización horizontal con pintura acrílica.


Durante a súa visita a Covelo, a deputada provincial comprometeuse co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, a incluír a mellora na EP-5105 entre Maceira e A Graña no próximo paquete de medidas a desenvolver pola Deputación nas estradas provinciais, “atendendo ás demandas do Concello a Deputación actuará especialmente no traxecto Campo – Rebordechán”.


Ademais, recordou que a estes 300.000 euros investidos na EP-5104 entre Maceira e Avión, a institución provincial acometeu outras obras de conservación e mantemento en estradas da vila por valor de máis de 120.000 euros.


Pola súa parte, o alcalde adiantou que está en proxecto tamén a mellora de cunetas transitables na estrada A Lamosa – A Franqueira no lugar de Corzós e na parroquia de Prado da Canda.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade