Actualidade e Noticias



O programa Covelo Cóidate formará a veciñanza para unha vida activa e saudable
- 12/04/2024 -

En colaboración cos distintos recursos locais e establecendo convenios con institucións e organizacións de toda Galicia o Concello de Covelo traballa a diario para que a súa veciñanza poida aprender sen afrontar desprazamentos
Manterse activos e levar unha vida saudable son algúns dos consellos que as persoas máis maiores de Covelo ofrecen as súas veciñas e veciños. Tomando boa nota da importancia destas sabias palabras e en consonancia coa súa estratexia de ofertar unha programación de formación estable e continuada, o Concello de Covelo lanza o programa “Covelo Cóidate” baixo o que se ofertará formación e información sobre saúde e prácticas saudables.


Como xestores o grupo de goberno está sempre aberto a recoller as inquedanzas e necesidades das nosas veciñas e veciños. Está nas nosas mans procurar mellores servizos públicos, ferramentas e recursos que faciliten o seu día a día e incluso que o melloren. Por iso traballamos en continua colaboración con asociacións, colectivos e administracións para chegar a acordos e sen saír do noso concello atopar o que precisamos”, explica o alcalde, Pablo Castillo.


En colaboración cos distintos recursos locais e establecendo convenios con institucións e organizacións de toda Galicia, o Concello de Covelo traballa a diario para que a súa veciñanza poida ter unha mellor calidade de vida. Entre algunhas das iniciativas que o Concello ofrece de balde está a de aprender a calquera idade e sen afrontar desprazamentos. Por este motivo e baixo distintos programas e iniciativas o Concello de Covelo deseña da man de expertos e profesionais cursos de formación para o emprego, seminarios para séniors impartidos pola Universidade de Vigo e charlas dirixidas ao autocoñecemento, a cultivar unha vida saudable e a previr posibles doenzas.


Deste xeito o vindeiro 15 de abril en colaboración co centro de saúde local terá lugar a charla sobre a menopausa e o cancro cérvix. Da man da Universidade de Vigo e por segundo ano consecutivo ofrecerán distintos seminarios sénior como o dos días 16 e 18 de abril “A saúde é o que importa”. Esta alianza coa UVigo fará posible o segundo seminario “Pilates sénior II” o 24 de abril. O 25 de abril en colaboración con AFAGA e aprenderemos sobre o alzheimer e o 29 as e os profesionais do centro de saúde axudaránnos a abandonar o tabaquismo. En maio tamén co persoal sanitario do centro de saúde local afondarán o día 13 na prevención do papiloma e o día 14 haberá unha charla de etiquetado de alimentos e compra saudable.


A estas actividades súmase a oferta de cursos de formación para a inserción laboral enmarcados no Plan de Formación do Concello de Covelo e as propostas culturais para o tempo de lecer así como a programación anual de roteiros guiados que promoven unha vida activa e o coñecemento do patrimonio medio ambiental e histórico.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade