De trazado circular, as e os participantes percorrerán 10 quilómetros para descubrir a riqueza natural das ribeiras do río Xabriña. O punto de encontro será o parque infantil de Paraños e o número de teléfono para realizar a inscrición o 654 500 652.
Vinte participantes coñecerán os afluentes do Xabriña e pasarán polas parroquias de Paraños, Prado de Canda e A Lamosa, situadas no alto val que forma este río afluente do Tea. A ruta combina a perfección os valores naturais co rico patrimonio etnográfico das tres parroquias: as fermosas ribeiras do río a súa vexetación, fragas, prados, cruces e cruceiros, muiños.
Existe a posibilidade de facer o retorno ao inicio da ruta dende varios puntos, facendo mais levadeira a xornada para os que prefiran menos percorrido. Estos lugares son, de menor a maior percorrido: a área de lecer do Roupeiro, a ponte de Ponteseixas, na confluencia do río Azal e no lugar de Ponte Folón.
O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.
O concello de Covelo oferta rutas guiadas cada primeiro fin de semana de mes ao serradoiro dos Carranos, cada segundo fin de semana de mes cos roteiros e completa a súa oferta coas excursións, tamén guiadas, áo Museo Pazo da Cruz e as experiencias de observación de estrelas.
As rutas do Museo Pazo da Cruz
As excursións e visitas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín. Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño, a continuación visita ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.
O serradoiro dos Carranos
O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.
http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html
Observar as estrelas
Para as/os interesadas/os nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.