O alcalde Pablo Castillo e a concelleira Lourdes Enes explican que esta nova programación de verán ofertará deportes, excursións, teatro, música e contacontas, entre outras moitas propostas. “Tratamos de maximizar a dimensión social dos orzamentos das festas presentando unha programación diferida no tempo, espallada no territorio, transversal e divertida”. Alcalde e concelleira explican que as parroquias ás que non chegue a programación neste verán, chegarán no seguinte. Como novidade, o programa incorpora dúas xornadas de percorrido dos dous tramos da Vía Mariana ao seu paso polo concello, a etapa 7 A Franqueira-Covelo, e a etapa 8 Covelo-Fornelos de Montes.
Concertos de todo tipo de música como o de Pelepau, Antonio Barros, o de Música no Ar, o cuarteto de saxofóns Dextrum Ensemble, Los Lunes al Sol, Banda de Música de Mondariz, Breocáns, Pandereteiras do Suído ou Ferriñas da Guía súmanse á música das orquestras, das charangas e á programación do XIV Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera.
Os máis cativos e cativas gozarán coas historias de “Ler conta moito” que aterrará en Covelo en catro sesións de divertidas aventuras.
As excursións do programa “Coñece Covelo”, as xornadas de portas abertas do serradoiro dos Carranos, as visitas da Casa Museo Pazo da Cruz, os roteiros estelares guiados e as rutas de sendeirismo achegaránnos ao patrimonio natural
O verán en Covelo tamén será deportivo e están programadas actividades para cativos e cativas como as do campus multideporte, proba de orientación “Covelo aventura” para adultos e nenos/as e clases de natación na piscina municipal para adultos.
As artes escénicas chegarán da man de Baobad Teatro e o tempo da solidariedade a través da cultura con Ás para Alex no día internacional contra o Cancro de mama.
Do 23 ao 25 de xullo, Covelo celebrará as súas festas patronais e do Churrasco protagonizadas pola boa gastronomía local e aderezadas de música e bo humor.
A programación de verán súmase á popular Mostras de Produtos de Covelo que, ao igual que o resto do ano, se celebrará cada primeiro sábado de mes.
O Concello informa que os horarios poden verse alterados por algún cambio xa que son moitas datas e moito tempo e a veces xurden complicacións. Por este motivo antes de cada evento faremos publicidade de forma individual tanto na web do concello coma nas redes sociais.