O concello de Covelo ten unha superficie de 124 quilómetros cadrados cunha densidade de poboación de 28 habitantes por quilómetro cadrado que, na súa maioría, viven en vivendas unifamiliares nas catorce parroquias de grande masa forestal e vexetal. Estas circunstancias e o seu carácter rural fan que a actividade de desbroce e limpeza de camiños e estradas municipais sexa tan intensa como complexa sendo imprescindible investir esforzos na prevención contra os incendios.
Previr incendios forestais e mellorar os servizos municipais son os principais motivos polo que o goberno vén de mercar un brazo rozador de enganche traseiro con estrutura reforzada e de uso profesional intensivo. Esta nova ferramenta ten un alcance de extensión dun mínimo de 5.4 metros e foi adquirido polo Concello por 19.375,00€.
A boa xestión económica das contas do Concello permite que agora cos aforros municipais se poidan facer importantes investimentos na mellora dos servizos públicos.