Actualidade e Noticias



Covelo recupera a Festa da Xuventude cunha gran noite de música e lecer para a mocidade.
- 10/07/2026 -

Sete DJs, cantina con prezos populares e agasallos da campaña de Xuventude da Xunta completan unha das grandes citas do verán no municipio.
O Concello de Covelo recupera este ano a Festa da Xuventude, unha das citas máis esperadas pola mocidade, que volverá celebrarse o sábado 18 de xullo, a partir das 23:00 horas, na Carballeira do Campo da Feira, dentro da programación das XLV Festas Patronais e do Churrasco.

Covelo recupera a Festa da Xuventude cunha gran noite de música e lecer para a mocidade. 

Sete DJs, cantina con prezos populares e agasallos da campaña de Xuventude da Xunta completan unha das grandes citas do verán no municipio.

O Concello de Covelo recupera este ano a Festa da Xuventude, unha das citas máis esperadas pola mocidade, que volverá celebrarse o sábado 18 de xullo, a partir das 23:00 horas, na Carballeira do Campo da Feira, dentro da programación das XLV Festas Patronais e do Churrasco.

Despois do parón do pasado ano, a Festa da Xuventude regresa cun formato renovado e unha ampla programación musical que reunirá sobre o escenario da Discomóbil Brétemas a un total de sete DJs: DJ Traffic House, Khirs Guez, DJ Kola, DJ Olalla, DJ Charlie, Ferchu e DJ SantiGab, que ofrecerán máis de seis horas de música para todos os gustos. A actividade está organizada polo Concello de Covelo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

A programación completarase cunha cantina con bebidas e bocadillos quentes a prezos populares, ademais do reparto de agasallos da campaña de Xuventude Carné Xove da propia Consellería, co obxectivo de ofrecer un espazo de encontro, convivencia e lecer para a mocidade.

O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou a importancia de recuperar este evento, "unha festa que moitos mozos e mozas levaban tempo demandando e que este ano regresa con máis forza para converterse nun referente do verán". O rexedor mostrouse convencido de que a cita atraerá tanto á mocidade de Covelo como doutros concellos da contorna.

Castillo Amigo subliñou tamén que esta actividade forma parte da aposta do Concello por ofrecer unha programación variada e de calidade, pensada para todos os públicos e tódalas idades, con propostas culturais, deportivas, musicais e de lecer ao longo de todo o ano, reforzando especialmente a oferta estival. "O verán é unha época na que Covelo recibe un maior número de visitantes e na que o bo tempo invita a saír á rúa, participar e desfrutar das actividades que organizamos para dinamizar o municipio", sinalou.

Con esta nova edición da Festa da Xuventude, o Concello pretende consolidar unha cita que combina música, ocio e convivencia nun ambiente seguro e participativo, converténdose nun punto de encontro para a mocidade da comarca e para todas aquelas persoas que desexen gozar dunha noite de verán diferente.

Desde o Concello de Covelo anímase á veciñanza e á mocidade de toda a contorna a participar nesta gran noite de música, que marcará o inicio das Festas Patronais e do Churrasco 2026 e converterá a Carballeira do Campo da Feira nun espazo de encontro, diversión e convivencia para tódalas persoas asistentes.




    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade