Actualidade e Noticias

O Concello de Covelo incorpora dous estudantes universitarios en prácticas a través do programa Campus Rural da Universidade de Vigo.
- 09/07/2026 -

Lucía Marín Vila e Carlos Manuel Alonso González completarán a súa formación académica nos departamentos de Servizos Sociais e Secretaría-Tesourería, reforzando o labor municipal durante os próximos meses.
O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, deu a benvida aos dous estudantes universitarios que se incorporan ao Concello para realizar as súas prácticas formativas, unha experiencia que lles permitirá completar a súa formación académica ao tempo que coñecen de primeira man o funcionamento da administración local e a realidade do medio rural.

Por unha banda, Lucía Marín Vila, de 20 anos e natural do Porriño, cursa o Grao en Traballo Social no Campus de Ourense da Universidade de Vigo. A estudante realizará dous meses e medio de prácticas no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Covelo a través do programa Campus Rural, colaborando co persoal técnico na atención e desenvolvemento das diferentes actuacións que presta este servizo á cidadanía.

Pola súa parte, Carlos Manuel Alonso González, de 26 anos e natural de Tui, está a cursar o Grao en Dirección e Xestión Pública no Campus de Pontevedra. Durante os próximos cinco meses desenvolverá as súas prácticas nas oficinas xerais do Concello, onde colaborará cos departamentos de Secretaría e Tesourería, participando en diferentes tarefas relacionadas coa xestión administrativa e o funcionamento interno da administración municipal.

O alcalde, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou a importancia deste tipo de programas, que permiten achegar aos universitarios á realidade dos pequenos concellos e ofrecerlles unha experiencia práctica de gran valor para o seu futuro profesional.

"Para o Concello é unha satisfacción poder colaborar coa Universidade de Vigo e ofrecer aos estudantes a oportunidade de completar a súa formación nunha administración local como a nosa. Ao mesmo tempo, a súa incorporación supón unha importante achega para o traballo diario dos distintos departamentos municipais e contribúe a que a mocidade coñeza de preto as oportunidades e a realidade do noso rural", sinalou o rexedor.

O Concello de Covelo mantén o seu compromiso coa formación práctica do estudantado universitario, participando en programas que favorecen a aprendizaxe, o intercambio de coñecementos e a captación de talento, ao tempo que contribúen a poñer en valor o medio rural como un espazo de oportunidades profesionais e persoais.

Durante a súa estancia en Covelo, ambos estudantes traballarán da man do persoal municipal, adquirindo experiencia en ámbitos directamente relacionados cos seus estudos e contribuíndo ao desenvolvemento dos servizos públicos que presta o Concello.

<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 
Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade