Actualidade e Noticias



Covelo presenta a súa programación cultural, turística, deportiva e de ocio 2026 cunha ampla oferta ata outubro para todos os públicos.
- 09/06/2026 -

Covelo presenta su programación cultural, turística, deportiva y de ocio 2026 con una amplia oferta hasta octubre para todos los públicos.

O Concello de Covelo presentou a súa programación cultural, turística, deportiva e de ocio para o ano 2026, cun amplo calendario de actividades que se desenvolverá ata o mes de outubro e que converterá o municipio nun espazo de encontro para a veciñanza e tamén para as persoas visitantes que desexen descubrir un destino singular de natureza, cultura, deporte e tradición no interior da provincia de Pontevedra.

A programación deste ano combina concertos, festas populares, deporte, sendeirismo, actividades familiares, patrimonio, gastronomía, turismo cultural, cine, teatro, obradoiros e propostas innovadoras para todas as idades, consolidando a aposta do Concello por un modelo de ocio sostible, participativo e de calidade.

O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou durante a presentación do programa a importancia de seguir ofrecendo actividades diversas que contribúan á dinamización social, cultural e económica do municipio.

“Queremos convidar á veciñanza e tamén ás persoas visitantes a achegarse a Covelo, a participar nas diferentes actividades organizadas e a desfrutar da nosa natureza, da nosa cultura e tamén da nosa gastronomía. Covelo segue sendo un destino de música, deporte, natureza, teatro, diversión e experiencias para todas as idades”, sinalou o rexedor.

O alcalde tamén puxo o foco na importancia da convivencia e da conciliación, destacando que “a programación está pensada para chegar a todos os públicos, favorecendo espazos de encontro e actividades familiares que permitan compatibilizar o ocio, a educación e o tempo compartido”.

Un dos pratos fortes da programación será o concerto especial de María do Ceo, recoñecida cantante e compositora de fado, unha das voces máis destacadas deste xénero musical en Galicia e Portugal, que actuará en Covelo dentro do programa + Música da Deputación de Pontevedra, nunha cita cultural de especial relevancia para o municipio.

Outra das grandes novidades deste 2026 será a recuperación da Festa da Xuventude, unha celebración moi demandada pola mocidade e que volverá con forza cun cartel de artistas pensado para converter a cita nun dos grandes encontros musicais do verán. O evento contará coa participación de DJ Traffic House, Khirs Guez, DJ Olalla, Ferchu e DJ SantiGab, acompañados polo escenario da discomóbil Brétemas, garantindo música, ambiente e diversión para todos os públicos.

No apartado gastronómico, Covelo volverá celebrar a súa xa tradicional Festa do Churrasco na Carballeira do Campo da Feira, unha cita plenamente consolidada e que contará novamente coa colaboración da hostalaría local, que vén participando activamente nos últimos anos promocionando as carnes dos nosos montes e poñendo en valor a gandaría local, os produtos de proximidade e a calidade gastronómica do territorio.

A programación incorpora tamén dúas experiencias de Escape Room cun importante compoñente educativo, cultural e de ocio familiar.

Por unha banda, desenvolverase o escape room familiar “Estrelas”, unha proposta de escapismo educativo centrada na igualdade de xénero e no recoñecemento do papel das mulleres na historia, na que os equipos participantes deberán superar diferentes probas e retos relacionados con figuras femininas relevantes que contribuíron de maneira decisiva ao avance da humanidade.

Por outra banda, terá lugar “Noite Meiga”, unha experiencia inmersiva baseada nas lendas, mitos e tradicións galegas, que mergullará ás persoas participantes no universo simbólico e cultural de Galicia a través do misterio, os enigmas e os relatos tradicionais do noso país.

Na programación deste ano despois do éxito do ano anterior destaca tamén a celebración da semana “Filosofía para Veraneantes, unha proposta cultural singular que converterá Covelo nun espazo de reflexión e diálogo arredor do territorio. A iniciativa desenvolverase ao longo de cinco xornadas dedicadas ao rural, nas que se abordarán cuestións relacionadas coa vida no rural, o futuro das aldeas, a sostibilidade, a identidade, a cultura e os retos sociais e económicos do interior, a través de relatorios, encontros e actividades abertas á participación cidadá.

No eido deportivo e de natureza, Covelo continuará apostando por actividades saudables e ao aire libre cun amplo programa de rutas de sendeirismo, actividades deportivas, iniciativas recreativas para diferentes idades e propostas orientadas á promoción do exercicio físico, da convivencia e do contacto coa contorna natural.

Outro dos grandes eventos do verán chegará os días 31 de xullo e 1 e 2 de agosto, coa celebración dunha gran concentración motera en Covelo, organizada por Ordas do Sur coa colaboración do Concello de Covelo. A cita reunirá a persoas afeccionadas ao mundo do motor chegadas de diferentes puntos e contará cun amplo programa de actividades ao longo de toda a fin de semana, consolidándose como unha proposta de gran atractivo turístico e de ocio.

A concentración incluirá numerosas actividades organizadas arredor do universo moteiro, música, animación, convivencia e diferentes iniciativas pensadas para dinamizar o municipio e atraer visitantes, reforzando a programación estival de Covelo e xerando un importante movemento social, económico e hostaleiro no concello.

A programación reforza ademais a súa dimensión de conciliación familiar, con actividades infantís, propostas educativas, espazos de ocio compartido e iniciativas pensadas para favorecer a participación das familias durante os meses de verán e comezo do outono.

No ámbito turístico e patrimonial, o Concello continuará coas xa consolidadas portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da Aula da Natureza, ás que este ano se suma como novidade a incorporación das visitas ao conxunto abacial de Barcia de Mera, ampliando así a oferta de divulgación do patrimonio histórico, natural e cultural do municipio.

Desde o Concello subliñan que esta programación busca “seguir facendo de Covelo un concello vivo, dinámico e atractivo durante todo o ano”, reafirmando a súa identidade como destino de natureza, música, deporte, patrimonio, gastronomía, conciliación familiar, cultura, teatro e diversión.

 

Pé de foto: O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, durante a presentación da programación cultural, turística, deportiva e de ocio 2026, acompañado das Concelleiras de Lourdes Enes e Pilar Martínez e da cantante e compositora de fado María do Ceo, dos Djs    Traffic House, DJ Kola e DJ Santigab da Festa da Xuventude, simbolizando a aposta do Concello pola cultura, a música e o ocio para todos os públicos.

 

 




PROGRAMACIÓN XUÑO 2026

    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade