
Covelo presenta un programa para descubrir, sentir e vivir o territorio.
Covelo, 14 de abril de 2026
O Concello de Covelo reforza a súa aposta polo turismo activo e pola posta en valor do seu patrimonio natural, etnográfico e cultural coa posta en marcha do programa “Roteiros 2026”, unha proposta pensada para descubrir, sentir e vivir o territorio ao longo de todo o ano.
A través desta iniciativa, veciñanza e visitantes poderán gozar de experiencias únicas na natureza, combinando sendeirismo, interpretación ambiental e coñecemento do patrimonio, sempre da man dun servizo profesional de guía de turismo.
A programación arrinca este mesmo mes coa Vía Mariana, nas etapas que percorren Covelo, marcando o inicio dun calendario cheo de actividades para todos os públicos.
A Rede Municipal de Sendeiros, un dos grandes tesouros do municipio, abre as portas a paisaxes de gran beleza e biodiversidade a través de rutas como a Ruta Aqa, Poza Piñeiro, Río Alén, Foxo do Lobo, Xabriña, As Estrelas, Pedra do Lobo ou Val do Louro, consolidando a natureza como eixo central da experiencia turística en Covelo.
Como principal novidade desta edición, o programa incorpora:
· As visitas guiadas ao Conxunto Abacial de San Martiño de Barcia de Mera, unha xoia do barroco rural galego que permitirá achegarse ao patrimonio histórico-artístico do municipio dun xeito interpretado e accesible.
· A celebración da Semana Starlight, unha proposta innovadora centrada na observación e interpretación do ceo nocturno, que incluirá a observación do eclipse total de sol previsto para o mes de agosto, convertendo Covelo nun punto de referencia para o turismo astronómico.
O programa complétase coa posta en valor de espazos singulares como o Serradoiro dos Carranos e a Aula da Natureza en Maceira, onde se desenvolverán xornadas de portas abertas para coñecer este destacado exemplo de patrimonio industrial tradicional, ligado á cultura da madeira e ao aproveitamento sostible da auga.
A estas accións súmase o programa educativo “Ríos, Aldeas e Montañas”, dirixido ao alumnado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez, co que se promove o coñecemento do territorio, a educación ambiental e a valorización do patrimonio local desde idades temperás.
Con “Roteiros 2026”, Covelo reafírmase como un destino onde natureza, historia e cultura se combinan para ofrecer experiencias únicas, apostando por un modelo turístico sostible e de calidade.
Todas estas actividades están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra.