Present News



Covelo entrega 25 novos composteiros domésticos
- 14/05/2022 -

O concello de Covelo ofreceu o curso de formación do uso e mantemento do composteiro e entregou os 25 novos composteiros
Vintecinco veciñas/os xa teñen o seu composteiro e pasan, así, a sumar e formar parte do cambio necesario e dun futuro sostible no que coidar do medio natural é un hábito obrigado.


O concello de Covelo entregou onte os 25 composteiros grazas á colaboración que, dende hai cinco anos, mantén coa Sociedade Galega de Medio Ambiente.


Conscientes da importancia de promover hábitos de vida sustentables e respectuosos co medio ambiente o acto de entrega de composteiros completouse cun curso para un uso eficiente e eficaz destes contedores nos que obter un compost da mellor calidade. Tamén se fixo entrega dun manual informativo. “Todos e todas sumamos, todas as persoas poden aportar e cada xesto sustentable e cívico contribúe a unha mellora do noso día a día”, explica o alcalde Pablo Castillo. “Os nosos antergos xa viñan practicando a compostaxe, sen darlle ese nome, que é un hábito moi cotidiá no rural pero cremos fundamental insistir na concienciación e tamén facilitando novas ferramentas e formación para que o resultado sexa o máis óptimo”.


Estes 25 composteiros súmanse aos 100 entregados en anteriores campañas. Concienciar para o respecto e a posta en valor do medio ambiente é un dos eixos da estratexia de desenvolvemento sostible que o goberno de Covelo desenvolve co firme propósito de ofrecer calidade de vida a súa veciñanza. En liña cos compromisos adquiridos no Pacto das Alcaldías e en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS Axenda 2030) o goberno local traballa para conservar o seu ben máis prezado, a natureza.


Segundo a FAO (Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura), a nivel doméstico é posible obter tres quilos de compost a partir de dez quilos de lixo orgánico, emitíndose cinco veces menos gases de efecto invernadoiro que coa compostaxe industrial. O compost provén da descomposición de prantas, animais e microorganismos presentes na terra que pasan da súa forma orgánica (seres vivos) a súa forma inorgánica (minerais solubles ou indisolubles) convertíndose en humus.


O concello de Covelo está adherido ao “Programa de Compostaxe doméstica” de Sogama para que a veciñanza interesada poida aproveitar os restos orgánicos que xeran nos seus domicilios e reducir, con isto, a cantidade dos mesmos.


A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica de materia orgánica xerada no fogar, como os restos de comida ou podas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode empregar na sua horta, xardín e terras de cultivo en substitución de fertilizantes artificiais.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade