A “Escola de auditores ambientais” pretende realizar unha campaña de concienciación ambiental e de recollida selectiva de información, pero tamén de sensibilización para a conservación da Rede Natura 2000 e da súa biodiversidade, que compromete ao alumnado do C.E.I.P Antonio Blanco Rodríguez do concello de Covelo. A intención é que o alumnado e profesorado do centro de ensino de primaria sexa auditor da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Rio Tea.
Nun primeiro momento realizarase unha xornada formativa e divulgativa no centro escolar para dar a coñecer o ZEC Río Tea ES1140006 na súa total composición e formar conceptualmente ao alumnado e profesorado da actuación de auditoría que deben desenvolver. Aínda que todo o alumnado poderá participar a través dun formulario de recollida de datos e información ambiental creado para eles, haberá unha equipa de alumnos e alumnas, de 5º e 6º de primaria que terán 2 xornadas de saídas ao espazo ZEC Río Tea para levantar actas de auditoría do patrimonio natural, así como bondades ou perturbacións que atopen. Todos os datos recollidos filtraranse e aportaranse como documento de auditoría ao concello para que o teña en conta na medida das súas posibilidades. Nunha terceira xornada de saída farase un seguimento de medidas correctoras das deficiencias detectadas nas auditorías previas, coa elaboración dun novo informe.
Esa actuación forma parte do proxecto denominado Coñecemento, Biodiversidade e Conservación da Rede Natura 2000, no que se recollen outras 3 actuacións relacionadas co estudio da presencia da especie Galemys ou desmán dos Pirineos, a realización dun inventario de quirópteros ou morcegos e un estudo da presencia de posibles contaminantes no solo e na auga.
Estas actividades, que están dirixidas e impartidas polo biólogo, educador ambiental e fotógrafo de natureza Julio Eiroa, son financiadas con cargo ás axudas para conservación da Rede Natura 2000 da Xunta de Galicia.