Actualidade e Noticias



O Concello de Covelo e a CMVMC de Barcia de Mera solicitan a protección medio ambiental de 265.797 m2 o primeiro ENIL do Condado Paradanta
- 17/11/2024 -

Coa declaración ENIL Rio Alén Barcia de Mera protexerán a rica fauna e flora do curso do río e da ladeira da Serra do Suído
O Concello de Covelo e a Comunidade de Montes en Man Común de Barcia de Mera unen forzas para protexer unha zona de especial interese medio ambiental. Na súa estratexia de apostar por un crecemento sostible e en harmonía co patrimonio natural o Concello de Covelo solicitará a declaración do Espazo Natural de Interesse Local denominado Rio Alén Barcia de Mera cunha superfície total de 265.797 m2 grazas á colaboración da CMVMC de Barcia de Mera. Este sería o primeiro ENIL do Condado Paradanta.

 

Comunidade de Montes e Concello concordan no recoñecemento dos valores medio ambientais, naturais, culturais e etnográficos presentes nestas catro parcelas. Neste entorno están presentes numerosas espécies de flora e fauna que conforman habitats declarados de Interesse Comunitario e de Conservación Prioritaria pola Directiva Hábitats 92/43/CEE e Directiva Aves 79/409/CEE.

 

Ademais das espécies presentes no próprio río, destacan os bosques de ribeira de amieiros, salgueiros e freixos e carballeiras termófilas e de bosque atlántico de loureiros, carballos, estirpeiros, xilbarbeira e castiñeiros e espécies de conservación prioritária como o fento real ou acivro, cerquiño, freixos e bidueiros.

 

En canto á fauna presente salientan entre os anfibios a saramaganta rabilonga, pintafontes verde, sapo parteiro, sapo corredos; entre os peixes o salmón atlántico e a troita, a anguía e a lamprea; entre os réptiles o lagarto das silveiras ou o aliscrán e a víbora de seoane; nos mamíferos a londra, o gato bravo o morcego de ferraduras e o lobo e en canto ás aves as águias abelladas e calzada, picapeixe, picanzo vermello e bufo real.

 

Este espazo alberga múltiples mostras do património cultural e etnográfico como o cruceiro e capela de San Xoán Mosteiro, a cruz e Fonte Santa, a ponte do río Alén, os camiños corredoiras de acceso a Seixedos, Oleiros, Piñeiros e Fornelos, numerosos muíños, levadas e unha ruta de sendeirismo sinalizada practicable denominada San Xoán Mosteiro que recorre de xeito circular as marxes do río.

 

Unha plantación de rexenerado de pinaster de vinte anos de antiguidade, pinastre xoven, pseudosugas e frondosas que configuran a ladeira da bagoada do río Alén na zona máis alta e próxima á Serra do Suído completa a riqueza desta área de protección.

 

O Concello adquire o compromisso de programar accións de divulgación sobre a riqueza desta zona así como actuacións de mellora e conservación e a aprobación dun plan de conservación e uso público sem ánimo de lucro vinculado a actividades científicas, didácticas, turísticas, deportivas, de lecer e lúdico recreativas.

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade