Enmarcado dentro da segunda fase do VI Plan de Formación do Concello de Covelo, este curso contará cunha parte teórica e outra práctica cun total de 50 horas repartidas en 10 xornadas para capacitar nesta materia a 10 alumnos/as.
De 9 a 14 horas o alumnado de xardinería estudará e ademais porá en práctica os seus coñecementos arranxando e embelecendo a contorna da fonte da ponte de entrada á Covelo.
As persoas participantes adquirirán coñecementos de poda, plantación, coidados, mantemento de xardíns, manexo de maquinaria e ferramenta e prevención de riscos laborais, entre outros contidos. Os coñecementos adquiridos e o diploma obtido terase en conta e valorarase nas sucesivas bolsas de emprego do Concello.
Co obxectivo de mellorar o currículo das persoas, o Concello pon en marcha este novo curso despois de ter recollido a través dun proceso de participación ás necesidades formativas da veciñanza. Con isto, e analizadas as demandas do mercado laboral, o concello de Covelo realizará arredor de sete cursos no 2022 sumando un total de 36 cursos de formación ao longo destas seis edicións orientados a un mellor acceso á inserción laboral.
As persoas desempregadas que estean empadroadas terán prioridade pero no caso de quedar prazas tamén poderán participar persoas empadroadas en activo e persoas doutros concellos. A inscrición deberá realizarse nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica do Concello.
O VI Plan de Formación continuará ofrecendo novos cursos ao longo do ano co obxectivo “de facilitar a inserción laboral, mellorar o currículo das persoas e achegar formación de balde acorde coas demandas do mercado laboral á veciñanda do concello”, explica Lourdes Enes, concelleira de Formación e Emprego.