O alcalde, Pablo Castillo, adianta que “seguiremos apoiando ás famílias ao longo da infancia das súas fillas e fillos coas axudas para material en educación infantil, ofrecendo servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral como a aula matinal en colaboración coa ANPA do colexio Antonio Blanco ou os campamentos de verán; servizos como o de Atención Temperá para aqueles/as que precisen un seguemento específico ou actividades de lecer e obradoiros nos que promover a súa creatividade e todo o que estea nas nosas mans”.
Para estas axudas, que tamén perseguen fixar poboación no rural, o Concello destina unha partida de 4.000€ correspondendo un total de 500€ a cada neno ou nena nado ou adoptado entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024. “Unha medida de apoio que atopa o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todas as persoas, é lexítimo axudar as nais e pais a soportar as indubidables cargas materiais que se ocasionan sobre todo nos primeiros meses de vida dunha nena ou un neno”, engade o alcalde.