Conscientes da importancia de promover hábitos de vida sustentables e respectuosos co medio ambiente Covelo colabora dende hai cinco anos coa Sociedade Galega de Medio Ambiente na formación e concienciación para o uso de composteiros domésticos.
O vindeiro venres 13 de maio Covelo entregará 25 composteiros máis que se suman aos 100 entregados en anteriores campañas. Nese mesmo acto tamén se desenvolverá o curso de formación para un correcto uso optimizando así os recursos para obter o mellor compost. O curso durará unha hora e comezará ás 18:30 horas no edificio multiúsos.
O Concello informa que quedan poucas unidades e lembra que as persoas interesadas deben solicitalas nas oficinas municipais ata o luns 9 de maio. Os únicos requisitos son residir en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín, estar empadroados/as, non ter participado nos programas anteriores e ter gañas de aprender e de vivir en equilibrio coa súa contorna natural.
Segundo a FAO (Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura), “a base de todo sistema agrícola é un solo fértil e saudable. A terra e a auga son fundamentais para mellorar a seguridade alimentaria. A nivel doméstico é posible obter tres quilos de compost a partir de dez quilos de lixo orgánico, emitíndose cinco veces menos gases de efecto invernadoiro que coa compostaxe industrial. O compost provén da descomposición de prantas, animais e microorganismos presentes na terra que pasan da súa forma orgánica (seres vivos) a súa forma inorgánica (minerais solubles ou indisolubles) convertíndose en humus.
O concello de Covelo está adherido ao “Programa de Compostaxe doméstica” de Sogama para que a veciñanza interesada poida aproveitar os restos orgánicos que xeran nos seus domicilios e reducir, con isto, a cantidade dos mesmos.
A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica de materia orgánica xerada no fogar, como os restos de comida ou podas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode empregar na sua horta, xardín e terras de cultivo en substitución de fertilizantes artificiais.
Máis información na ligazón