Agenda
Ruta AQA
- 13/08/2017 -
Dificultade baixa. Percorrido duns 12 quilómetros. Saída dende a praia fluvial de Maceira ás 09 horas e chegada ao mesmo lugar ás 14 horas aprox.
O percorrido da ruta AQA atravesa un espazo natural condicionado pola presenza da auga, que actuou como modeladora dunha paisaxe de vales e valgadas. Son numerosos os elementos do patrimonio etnográfico presentes ao longo da ruta e relacionados cos usos da auga, como presas e levadas para o rego, fontes e pasos, muíños, todos eles testemuños do íntimo vencello entre os covelenses e a auga ao longo dos séculos.
A ruta AQA lévanos por un percorrido de sendeiros novos e camiños tradicionais, pasando por algunhas das paisaxes máis fermosas do río Tea. 
Está baseada nun roteiro circular de 11,5 km entre o lugar de Redondo e a fermosa praia fluvial de Maceira, pero existen dúas posibles extensións. Nunha delas, de 2,2 km, chegamos ata Barcia de Mera, histórico lugar que merece a pena visitar pola súa igrexa e reitoral, máis os recén restaurados muíños de Portafurado. 

Moi importante é o río Tea (que nos acompañará o longo do camiño) está catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria dentro da REDE NATURA 2000, rede de espazos naturais protexidos á escala da Unión Europea. Nace na Serra do Faro de Avión e desemboca no Baixo Miño. É un dos ríos mellor conservados do sur de Galicia.

Este río sostén unha das comunidades de peixes máis diversas de Galicia, debido a súa accesibilidade ata os tramos altos para especies migratorias como a Anguía, a Lamprea, o Reo e o Salmón Atlántico. A combinación de augas limpas con beiras naturais e gran diversidade de plantas de ribeira, crea o hábitat idóneo para moitos invertebrados, anfíbios, mamíferos e aves.

O bosque de ribeira, dominado polo amieiro e o salgueiro, permite o funcionamento do río como gran corredor ecolóxico que conecta a Serra do Suído co Baixo Miño.

Para inscribirse, pódeno facer a través da páxina do facebook “Covelo Tourism” cunha mensaxe privada, no correo electrónico oficinaturismocovelo@gmail.com ou no telefono 638 015 428. Facilitando o nome e un teléfono de contacto.

Tríptico da ruta aquí:
www.concellodecovelo.es/integra/docs/triptico_RUTA_AQA.pdf



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade