Actualidade e Noticias



Concerto de Música Relixiosa San Martiño de Barcia de Mera 2024
- 14/09/2024 -

Este sábado ás 20:00 h. concerto de clausura do XVI Ciclo de Música Relixiosa San Martiño de Barcia de Mera.
Máis info e inscricións telf. 658.627.525
A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera vístese de gala para recibir á camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia que ofrecerá o concerto de clausura este sábado día 14 dentro do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera.


Música de Mozart, del Adalid ou Rosinskij patrocinada polo Concello de Covelo e a Xunta de Galicia e organizado pola Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera que dende hai dezaseis anos achega aos mellores músicos de todo o mundo ao rural.


Emprazado no conxunto abacial barroco da reitoral de Barcia de Mera, o Ciclo ofrece concertos a prezo reducido dende o mes de abril ata finais de setembro. A acústica da igrexa de San Martiño e a sabedoría dos músicos fan que cada ano o Ciclo medre e cada concerto complete o aforo, motivo polo que é imprescindible inscrición previa no número de teléfono 658 627 525.


Esta nova edición que remata o sábado ofreceu oito concertos que fixeron viaxar ao público asistente a través dos séculos, dende o XV ao XVI e XVII, pasando polo século XX e chegando aos nosos días. Neste percorrido pola música doutros tempos tamén houbo momento para deleitarse con temas musicais de bandas sonoras do cine “ofrecendo un marco temporal amplo e, como en cada edición, novidades. O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera medra e cada ano que pasa recibimos máis propostas de grupos e músicos interesados en actuar”, explica o sacerdote Rafael Antela que xunto a Nieves García-Soto fixo posible esta iniciativa.


Sentimos un profundo agradecemento porque esta cita musical foi capaz de posicionar o nome do noso Concello no panorama da música e na axenda dos mellores músicos do mundo”, salientou Pablo Castillo.


Un ano máis o Ciclo innovou e ofreceu sorpresas ás persoas asistentes. Esta edición contou co primeiro concerto de piano da man da prestixiosa pianista Judith Jáuregui sendo Vox Stellae o encargado de inaugurar o Ciclo o pasado 27 de abril con obras dos arquivos da catedral de Tui e da de Santiago de Compostela. Os cubanos afincados en España Ars Longa tamén pasaron pola igrexa de San Martiño con música de hispanoamérica. O público tamén puido deleitarse con Ensemble Orphelion e rendeuse homenaxe a Lorca e Falla, con Beatríz Díaz, José Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil que recitaron e acompañaron con música de guitarra os poemas de Lorca e as cancións escritas polo poeta. O Grupo Fua e o Cacellos tamén pasaron pola décimo sexta do Ciclo.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade