Financiado con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra supón un custo total de 78.770,50€ e, unha vez rematadas as obras, os camiños poderán entrar en servizo en condicións de viabilidade óptimas, “dando un mellor acceso á veciñanza, facilitando o subministro diario de servizos e posicionando as novas iniciativas de emprendemento turístico nun posto de saída máis competitivo”, explica o alcalde Pablo Castillo que reitera a importancia de investir na mellora da calidade de vida da veciñanza.
Para a execución das obras será preciso, entre outros traballos, realizar movementos de terras, excavacións de desmonte, demolición de pavimento antigo, mellora de drenaxes e instalacións de salvacunetas como no caso do tramo na rúa da Bouza en Prado da Canda.
Na pista da igrexa en San Salvador de Prado, ademais de realizar traballos similares aos anteriores, limparanse as cunetas e arcéns, recreceránse tres pozos de rexistro e mellorarase a seguridade viaria pintando as marxes de todo o camiño, entre outras medidas.
No camiño de Ucedo en Barcia de Mera as obras, ademais de permitir unha mellor conexión, contribúen no apoio á novas propostas turísticas, motor da dinamización económica do concello. “Non só facilitamos o acceso aos hóspedes dos aloxamentos se non tamén aos servizos diarios que precisan este tipo de actividades empresariais e a veciñanza en xeral. Apostar pola mellora dos espazos e infraestruturas públicas son, tamén, un elemento importante para asentar e fixar poboación”.
O proxecto tamén contempla o acondicionamento do camiño de Petouto en Godóns e o camiño de Oleiros en Barcia de Mera actuando na totalidade de catro mil metros cadrados e 1.200 metros lineais que benefician a arredor de 50 vivendas.
Optimizar os recursos, crer e apostar polo noso e convivir co máximo equilibrio posible co patrimonio natural son as vías nas que se fundamenta o Concello para o progreso, desenvolvemento e crecemento dos mesmo.