Actualidade e Noticias



Volve a exitosa Festa do Colesterol por un día a Maceira, Covelo
- 14/08/2024 -

O día 14 e 15 festas na honra da Virxe da Guía con verbena, xogos infantís e romaría no alto da Guía
A parroquia de Maceira, no Concello de Covelo acollerá a segunda edición da “Festa do Colesterol por un día” enmarcada este ano nas festas patronais na honra da Virxe da Guía. Tras o éxito da primeira edición a Asociación Virxe da Guía de Maceira convida a participar neste xantar popular que rende homenaxe aos ovos con patacas fritas e chourizo.

 

O vindeiro 17 de agosto a praza de Maceira encherase novamente de veciñanza de toda a área metropolitana disposta a xantar, bailar e concursar no II Concurso de Empanada de Mazá que terá lugar a partir das 12:30 horas con premios de ata 75€. As persoas que desexen participar deberán inscribirse no número de teléfono 626 986 510.

 

A partir das 14:00 horas comezarase a servir este rico e familiar manxar que por oito euros inclúe un chourizo, dous ovos, patacas, pan e postre. Para as e os máis pequenos o menú terá un prezo de catro euros e inclúe patacas, dous ovos e chourizo. Para acompañar o xantar haberá servizo de bar con prezos económicos segundo adianta a organización quen agradece o apoio do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea.

 

A charanga Los Encerellados e Los Lunes al Sol porán ritmo a esta xornada festiva na que non faltarán os inchables gratuitos para as nenas e os nenos durante toda a festa gastronómica. Tamén haberá postos de artesanía e produtos de proximidade.

 

Pero antes, o 14 de agosto a parroquia celebrará as Festas na honra da Virxe da Guía con misa, os poxos tradicionais e ofrendas ás 12:30 horas. Ás 19:30 xogos infantís e ás 22:30 horas verbena co grupo Pentágono e DJ Mesu. O xoves día 15 a misa será ás 10:00 horas para logo saír en procesión ata a capela da Guía onde se celebrará a misa ás 11:15 e ás 12:15 horas para logo desfrutar da tradicional romaría. No alto da Guía non faltarán os postos de comida, pulpeiro e música co grupo de gaitas Tía Isolina.

 

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade