O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e a concelleira de Cultura, Lourdes Enes convidan a toda a veciñanza a participar e informan que xa está aberto o prazo para mercar os tickets. Nesta edición o prezo do menú será de 6 euros e aquelas persoas que desexen mercalo anticipadamente poderán facelo realizando previamente o pago polo valor do número de menús que queiran mercar no número de conta que o concello habilitou para este fin. A continuación deberán achegar o xustificante de pago ás oficinas do Concello. O número de conta é o ES 75 2080 5420 5431 1010 0012. O prazo para o ingreso bancario e a tramitación no Concello permanecerá aberto ata o 19 de xullo.
Na carballeira do Campo da Feira e nos locais de hostalaría serviranse un total de dúas toneladas de carne repaertidos en 1.068 kg de carne de tenreira, 1068 de costela de porco e 480 kg de chourizos criollos. O prezo do menú inclúe ademais da carne pementos, pan e viño. A comida comezará a servirse a partir das 14:00 horas.
PROGRAMACIÓN
A programación das festas patronais arrincará o vindeiro 20 de xullo ás 23:30 horas no Campo da Feira coa Festa da Xuventude na que actuarán DJ Santi Gab, Zoe, Traffic House e Groove Amigos. O mércores 24 de xullo ás 23:00 horas chegará a música de verbena ao centro urbano coa actuación da orquestra Solara e Jorge Méndez. O xoves 25 ás 12:00 abrirá a Mostra de Produtos de Covelo que se traslada ao Campo da Feira, ás 12:30 horas será a misa solemne na honra de Santiago Apóstolo seguida de procesión acompañada pola Banda de Música de Mondariz. No Campo da Feira actuará a charanga Caña Aquí, Ás 14:30 Banda do Sequío; ás 16:45 A Roda; ás 18:30 Voces de Arrieiro e ás 18:30 actuará a charanga de Gulán SDK, momento no que o Club Fútbol Veteranos de Covelo comezará a servir o chouripan.
“Un ano máis recibiremos con alegría a todas as persoas que veñen a Covelo a celebrar as nosas festas patronais e do churrasco. Unha festa da nosa veciñanza que compartimos con gusto con todas as persoas que retornan e que se reencontran no Campo da Feira”, sinala o alcalde.