Patrimonio e música daranse a man para recibir ao público que ao longo destes seis meses terán o privilexio de vivir a música interpretada por figuras de relevancia internacional na contorna rural e natural do conxunto histórico da Rectoral de Barcia de Mera, en Covelo. A organización adianta que o aforo é limitado sendo preciso reservar no número de teléfono 658 627 525.
O programa, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Covelo, desenvolvese dende o 27 de abril ao 14 de setembro cun total de oito concertos que se celebrarán na igrexa barroca de San Martiño de Barcia de Mera, no concello de Covelo, conxunto recoñecido o ano pasado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.
O vindeiro concerto será o 6 de xullo da man de Judith Jáuregui e o día 20 actuarán Beatriz Díaz, Jose Luis Bieito, Camilo García e Maife Gil. Xa en agosto, con dúas citas, encherán de música a Igrexa de San Martiño de Barcia de Mera o Grupo Fua o día 15 e Cancellos o día 31. O concerto de clausura desta XVI edición do ciclo será o 14 de setembro con Camerata OSG. Todos os concertos están programados para as 20,00 horas.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a participar neste espéctaculo que sorprende ao público pola fusión entre a beleza da contorna natural, o alto valor do conxunto barroco e a calidade artística das propostas.
ORPHELION ENSEMBLE
Desde a súa fundación, centrado na actividade artística de Deborah Gonsalves e Berthold Hamburger, ORPHELION actuou en diferentes constelacións e en colaboración con artistas convidados ao longo de Europa, Asia e América do Sur. O seu repertorio inclúe obras desde o período clásico ata a actualidade, incluíndo pezas compostas especialmente para o grupo.
Durante varios anos, ORPHELION ENSEMBLE colaborou coa recoñecida pianista xaponesa Mariko Moritani e máis recentemente co soado pianista español Daniel do Pino, con quen a agrupación gravará no 2024 a obra integral para trío de piano de Joaquín Turina.
ORPHELION ENSEMBLE actúa regularmente en España, Suíza e Alemaña. Participou en numerosos festivais de música e durante 10 anos mantivo un ciclo de música de cámara na prestixiosa "Real Academia de Belas Artes" na Coruña, cos concertos gravados e emitidos pola Radio Galega.
Desde o 2023, ORPHELION grava para o editorial internacional BRILLIANT CLASSICS. O conxunto dedica unha parte importante da súa actividade musical á pedagoxía impartindo clases maxistrais a estudantes en todo o mundo. Deborah Gonsalves e Berthold Hamburger colaboran con proxectos como a "Orquestra Nacional Xuvenil de España (JONDE)", a academia da "Orquestra Sinfónica de Galicia" e a partir do ano 2024 tamén con Mehli Mehta Music Foundation en Mumbai.