Actualidade e Noticias



Os concellos da Vía Mariana Luso-Galaica acadan o apoio da Deputación de Pontevedra
- 11/06/2024 -

O Concello de Covelo vén de instalar os paneis oficiais e photocall e de realizar a limpeza dos dous tramos da Vía Mariana, o da Franqueira-Covelo e Covelo-Fornelos de Montes
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, participou onte na reunión que a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro, mantivo no Palacete das Mendoza con alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia polos que descorre a Vía Mariana Luso-Galaica, unha ruta de preto de 400 quilómetros que une os santuarios de devoción mariana desde Braga (Portugal) ata Muxía. Na xuntanza, unha primeira “toma de contacto” para buscar vías de colaboración para impulsar este percorrido na que tamén participou o alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, así como membros da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica, Nava Castro comprometeuse a presentar este camiño en FITUR 2025: “Sabemos que hai moito traballo por diante, pero desde Turismo Rías Baixas imos poñer todas as ferramentas posibles para que isto siga promocionándose e cheguemos a máis xente”.


Pablo Castillo informou que o Concello de Covelo vén de instalar os paneis oficiais e photocall e de realizar a limpeza dos dous tramos da Vía Mariana, o da Franqueira-Covelo e Covelo-Fornelos de Montes. “Cada vez é máis frecuente ver ás e aos peregrinos da Vía Mariana ao seu paso polo noso concello, en grupos numerosos ou pequenos cada vez son máís os que elixen esta vía para camiñar entre a natureza sen a presión do tráfico”, sinala o alcalde engadindo que a Vía Mariana é tamén un dinamizador cultural, social e económico xa que establece vínculos entre as e os peregrinos e a veciñanza, da a coñecer o patrimonio natural, cultural e gastronómico e xera reservas de aloxamentos.


Traballar unidos, da man cos concellos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito,”, asegurou Nava Castro, ao tempo que animou á Asociación Vía Mariana Luso-Galaica a constituírse como asociación sen fins de lucro para poder solicitar as subvencións para actividades de carácter turístico para o ano 2024, que se aprobarán proximamente, “para axudar a que a correcta sinalización desta ruta sexa unha realidade en todos os concellos da provincia pola que pasa” . Neste eido a deputada provincial remarcou o interese desta ruta, “que mostra o patrimonio histórico, natural e paisaxístico da provincia e contribúea a diversificar a oferta turística de Pontevedra”, e transmitiu a vontade da Deputación, “tanto desde o servizo de Turismo como o de Cultura, de seguir traballando nun produto turístico e cultural como é este”.


En Pontevedra, a Vía Marina pasa polos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Fornelos de Montes, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis, Valga e Pontecesures.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade