Pablo Castillo informou que o Concello de Covelo vén de instalar os paneis oficiais e photocall e de realizar a limpeza dos dous tramos da Vía Mariana, o da Franqueira-Covelo e Covelo-Fornelos de Montes. “Cada vez é máis frecuente ver ás e aos peregrinos da Vía Mariana ao seu paso polo noso concello, en grupos numerosos ou pequenos cada vez son máís os que elixen esta vía para camiñar entre a natureza sen a presión do tráfico”, sinala o alcalde engadindo que a Vía Mariana é tamén un dinamizador cultural, social e económico xa que establece vínculos entre as e os peregrinos e a veciñanza, da a coñecer o patrimonio natural, cultural e gastronómico e xera reservas de aloxamentos.
“Traballar unidos, da man cos concellos, sumando sinerxías, é sempre garantía de éxito,”, asegurou Nava Castro, ao tempo que animou á Asociación Vía Mariana Luso-Galaica a constituírse como asociación sen fins de lucro para poder solicitar as subvencións para actividades de carácter turístico para o ano 2024, que se aprobarán proximamente, “para axudar a que a correcta sinalización desta ruta sexa unha realidade en todos os concellos da provincia pola que pasa” . Neste eido a deputada provincial remarcou o interese desta ruta, “que mostra o patrimonio histórico, natural e paisaxístico da provincia e contribúea a diversificar a oferta turística de Pontevedra”, e transmitiu a vontade da Deputación, “tanto desde o servizo de Turismo como o de Cultura, de seguir traballando nun produto turístico e cultural como é este”.
En Pontevedra, a Vía Marina pasa polos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Fornelos de Montes, A Lama, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña, Cuntis, Valga e Pontecesures.