O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola secretaría de estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista. O Concello de Covelo xa contaba con catro distintivos SICTED un na Quinta do Souto, en Barcia de Mera e outro no Hotel La Rectoral, en Paraños, que veñen de renovar e tamén o aloxamento rural O Lugar dos Devas e o guía de turismo Julio Eiroa.
“Agradecemos o traballo destes catro emprendedores que xeran postos de emprego, multiplican o nome de Covelo e contribúen a dinamizar a nosa vila aportando ademais un selo de calidade”, explica o alcalde.
Alcaldías do sur da provincia, Turismo de Galicia, AGADER, Deputación de Pontevedra, Federación Provincial de Turismo e Hostalería FEPROTUR, e a nova asociación de Empresas do Turismo no xeodestino Condado Paradanta, ASECOTUR, entre outras entidades públicas e privadas, asistiron a este evento que recoñece o esforzo e a seriedade no traballo tanto das novas empresas como das que renovan o certificado de calidade.
Dende hai catro anos o GDR promove entre as empresas dos dez concellos a formación e a mellora continua para ofrecer ás persoas as últimas comodidades, servizos e produtos co obxectivo de acadar experiencias únicas.
Nesta edición entregáronse catro novos selos de calidade turística e renováronse 19 máis que xa viñan implementando o sistema de mellora continua nos seus negocios. A taberna A Baiuca de Mondariz, a gandaría Sesteiro de Covelo, a praia fluvial de Maceira en Covelo e La Ojiva Espazo Gastronómico en Salvaterra de Miño súmanse aos negocios que apostan por premiar á clientela co mellor servizo, trato, instalacións e produtos.
Co apoio do GDR Terra e Auga e a Axencia Turismo de Galicia xa son 53 empresas as adheridas no territorio do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas. “Empresas que se esforzan a diario para que as e os seus clientes teñan o mellor multiplicando as posibilidades de repetición e de emitir referencias positivas do noso territorio”, explica Pablo Castillo, presidente do GDR Terra e Auga.
En liña coa súa estratexia de desenvolvemento o GDR Terra e Auga engalanou a entrega de premios cun dos seus piares fundamentais, a arte, expresada a través dunha actuación musical, da poesía, da danza e dunha montaxe audiovisual.