Present News



O programa Covelo Cóidate e o SERGAS colaboran para a prevención e a detección precoz
- 09/05/2024 -

O Concello de Covelo convida a participar na charla sobre prevención e detección precoz do virus do papiloma e autoexploración e cribado de mamá que terá lugar o luns día 13 de maio ás 17 horas no auditorio municipal
No marco do programa Covelo Cóidate o Concello de Covelo convida a participar na charla sobre prevención e detección precoz do virus do papiloma e autoexploración e cribado de mamá que terá lugar o luns día 13 de maio ás 17 horas no auditorio municipal.


Dentro da súa estratexia de ofertar unha programación de formación estable e continuada da man de expertos, o Concello de Covelo lanzou o programa “Covelo Cóidate” baixo o que se ofertará formación e información sobre saúde e prácticas saudables.


Nesta ocasión será a enfermeira do centro de saúde local, Andrea García, e a enfermeira da ESAD, Eva Solla, as que impartirán a charla. O Concello agradece a colaboración do persoal do SERGAS na mellora do día a día da veciñanza.


Como xestores o grupo de goberno está sempre aberto a recoller as inquedanzas e necesidades das nosas veciñas e veciños. Está nas nosas mans procurar mellores servizos públicos, ferramentas e recursos que faciliten o seu día a día e incluso que o melloren. Por iso traballamos en continua colaboración con asociacións, colectivos e administracións para chegar a acordos e sen saír do noso concello atopar o que precisamos”, explica o alcalde, Pablo Castillo.


En colaboración cos distintos recursos locais e establecendo convenios con institucións e organizacións de toda Galicia, o Concello de Covelo traballa a diario para que a súa veciñanza poida ter unha mellor calidade de vida. Entre algunhas das iniciativas que o Concello ofrece de balde está a de aprender a calquera idade e sen afrontar desprazamentos. Por este motivo e baixo distintos programas e iniciativas o Concello de Covelo deseña da man de expertos e profesionais cursos de formación para o emprego, seminarios para séniors impartidos pola Universidade de Vigo e charlas dirixidas ao autocoñecemento, a cultivar unha vida saudable e a previr posibles doenzas.


Deste xeito, o día 14 tamén co persoal sanitario do centro de saúde local afondarán no etiquetado de alimentos e compra saudable.


A estas actividades súmase a oferta de cursos de formación para a inserción laboral enmarcados no Plan de Formación do Concello de Covelo e as propostas culturais para o tempo de lecer así como a programación anual de roteiros guiados que promoven unha vida activa e o coñecemento do patrimonio medio ambiental e histórico.





<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade