Actualidade e Noticias



Covelo destina 386.187,35€ a mellorar espazos e servizos públicos
- 03/05/2024 -

O concello pavimentará camiños municipais, mellorará edificios e cemiterios municipais, lavadoiros, parques infantís, prazas de aparcamento e depósitos de augas, entre outras intervencións
O Concello de Covelo investirá 386.187,35€ de fondos propios, provintes da liña 1 do Plan +Provincia, en melloras en nove das catorce parroquias, nas restantes realizaranse distintas intervencións ao abeiro de subvencións e liñas de financiamento de outras administracións e liñas de financiamento.


O goberno local dirixido polo alcalde, Pablo Castillo, adianta que estas melloras están enfocadas a mellorar os servizos e espazos públicos que forman parte do día a día das persoas.


Estes preto de catrocentos mil euros destinaranse a pavimentación de camiños municipais en A Lamosa, Barcia de Mera, Casteláns, Godóns, Maceira, Paraños, San Salvador de Prado, Santa Marina e Santiago de Covelo sumando un total de 160.669,85€.


Outro dos grandes investimentos será a cubrición e renovación do parque infantil do CEIP Antonio Blanco Rodríguez cun investimento de 50.239,15€4€, unha obra que permitirá que o alumnado e a veciñanza poida gozar deste espazo ao longo de todo o ano.


Ademais, o Concello destina 51.317,74€ á dotación de doce prazas novas de aparcamento e adaptación e repintado de 31 prazas xa existentes no núcleo urbano de Covelo.


Na parroquia de San Estevo de Casteláns cubrirase a zona de nichos e adaptaranse os aseos no cemiterio público cun orzamento total de 25.922,59€.


No depósito de augas de Barcia de Mera realizarase unha intervención de limpeza e impermeabilización con colocación de nova valvulería cun custo de 24.998,39€. No barrio de Carradás executarase un colector de augas pluviais e outro de fecais así como a renovación de pavimento que ascende a 24.998,39€.


Para a posta en valor do patrimonio etnográfico e histórico o Concello investirá 32.175,88€ na reforma interior da escola de Redondo, en Barcia de Mera, onde tamén se creará un espazo interior polivalente para exposicións, cursos e actividades e unha zona de vestiarios. Con esta mesma intención tamén se rehabilitará o lavadoiro na Poza Grande de Piñoi, en Santa Marina, dotándoo dun espazo de lecer e cun orzamento total de 22.757,31€.


Por último, o Concello informa que procederá a homoxeneizar as placas de numeración dos fogares coa entrega de placas actualizadas, actuación que suporá un investimento de 18.106,44€.


O alcalde sinala que a partida deste ano do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra incrementouse nun 10% respecto á anualidade anterior.


O Plan de obras e servizos de competencia municipal (Plan +Provincia) 2024 é de carácter anual e está destinado a colaborar nas obras e nos servizos de competencia municipal dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade