De trazado circular e dificultade media, o PRG-258 pode realizarse en arredor de cinco horas partindo ás 09:00 horas do monte da Guía, en Maceira. Este domingo o guía de montaña, Julio Eiroa, acompañará ás persoas participantes durante doce quilómetros nos que coñecer a fauna e a flora do Val do Louro e a importancia dos hábitats naturais da zona.
Enmarcada no proxecto “RíosAldeasMontañas”, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, o Concello de Covelo oferta de xeito estable visitas guiadas ao longo de todo o ano co obxectivo de promover hábitos de vida saudable e dar a coñecer o patrimonio etnográfico e medioambiental do concello. Esta iniciativa que pretende pór en valor a riqueza natural recolle actividades para a cidadanía en xeral e tamén para escolares.