Actualidade e Noticias



Covelo e a Axencia Estatal da Administración Tributaria colaboran para axudar á veciñanza a facer a declaración da renda
- 22/04/2024 -

Todas as persoas veciñas de Covelo e maiores de 65 anos disporán, mediante vídeo conferencia, de asistencia de persoal técnico da administración tributaria para a confección da declaración da renda
O Concello de Covelo explota todas as vías de colaboración para ofrecer á veciñanza máis e mellores apoios e servizos públicos. Agora, un acordo de colaboración entre o Concello e a Axencia Estatal da Administración Tributaria permitirá ter axuda para a realización da declaración da renda.


Grazas a esta alianza, as persoas maiores de 65 anos e con domicilio fiscal en Covelo recibirán asistencia de persoal técnico da administración estatal para a confección da declaración da renda das persoas físicas 2023 nas dependencias da Biblioteca Municipal de Covelo. O servizo prestarase mediante videoconferencia. O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o interese da Axencia Estatal por achegar os servizos á poboación do rural evitando desprazamentos e gastos.


Para isto deberán concertar cita previa e aportar o DNI de todos os membros da unidade familiar. A cita poderase solicitar a partir do 29 de Abril. O servizo de video atención prestarase na Biblioteca Municipal de Covelo do 7 de maio a 1 de xullo de luns a venres de 11:00 a 13:00 horas. Os números de teléfono para pedir cita son: 91 552 00 71 / 901 22 33 44.


O alcalde de Covelo anima ás veciñas e veciños a perderlle o medo ás novas tecnoloxías e a facer un uso proveitoso e positivo das posibilidades que ofrece. Sen saír do concello, sen enfrontarse a desprazamentos e a lista de esperas será posible facer este trámite. Unha simple chamada para pedir cita e presentarse co DNI de todos os membros da unidade familar na biblioteca pública será suficiente para resolver esta xestión.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade