Present News



Covelo instala novos desfibriladores en distintas dependencias municipais
- 31/03/2022 -

Oito persoas relacionadas co uso das instalacións recibiron formación impartida por un instrutor sanitario

O concello de Covelo informa da instalación de novos desfibriladores en instalacións municipais. Nesta ocasión instaláronse na casa do concello, no pavillón municipal e na piscina pública municipal. Estes novos equipamentos sanitarios súmanse ao xa existente no campo de fútbol municipal de Covelo.

 

Oito persoas usuarias destas instalacións recibiron a formación axeitada para o manexo dos desfibriladores e poder actuar en caso de emerxencia. En concreto, dous xogadores do equipo de fútbol sala Covelo, unha traballadora do concello, tres pais do club de patinaxe, o guía de turismo e un voluntario de protección civil recibiron o curso regramentario que foi impartido por un instrutor sanitario de Gestos Salvadores.

 

Covelo, vila cardioprotexida

A morte súbita ou parada cardíaca é un problema que ocorre de forma inesperada e con relativa frecuencia en España, 30.000 persoas cada ano.

 

En moitos casos isto pasa porque o corazón se para como consecuencia dunha arritmia letal. O recoñecemento rápido da situación e o uso precoz dun desfibrilador é esencial para reverter esta situación.

 

O tempo é vital nunha persoa que sofre unha parada cardíaca, debido a que cada minuto que pasa sen que iniciemos as manobras de RCP e uso do desfibrilador redúcense as posibilidades de supervivencia un 10%.

 

Os desfibriladores semiautomáticos externos (DEA), como os instalados, salvan moitas vidas, son sinxelos de manexar e están deseñados para que calquera cun adestramento básico poida usalo.

 

O DEA é un dispositivo seguro e fiable cun microprocesador que analiza o ritmo cardíaco e recomenda o nivel das descargas con exactitude, motivo para localizalos en lugares onde a afluencia de público é alta.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade