Deseñados e programados logo dun proceso de participación e consenso, os cursos pretenden mellorar a inserción laboral das persoas participantes. Analizado o mercado laboral con empresas de formación, oficinas de emprego e veciñanza o Concello imparte dende hai un mes os dous primeiros cursos do 2024.
Nestes intres impártese o curso de “inglés xeral, comercio e turismo” que rematará en xuño cunha duración total de 64 horas.
“Comezamos o plan de formación con dous cursos moi demandados non só no mercado laboral tamén polo propio tecido da hostalaría que ten a necesidade de aprender idiomas para dar un bo servizo á clientela que, cada vez máis, elixe Covelo para gozar de experiencias vacacionais vencelladas á saúde e ao contacto coa natureza”, explica a concelleira.
Módulo de Igualdade (ODS 5)
O Concello de Covelo da un paso máis na calidade dos contidos dos cursos e inclúe un módulo de igualdade en cada un deles avanzando así no seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), concretamente co ODS 5 Igualdade de Xénero promovendo o acceso en igualdade de condicións e oportunidade a un traballo digno. Segundo explica a concelleira de Igualdade, María José Valiñas, os contidos que se tratarán forman parte do material de sensibilización para a corresponsabilidade e novas masculinidades dos proxectos realizados polo Concello de Covelo en materia de igualdade, neste caso con financiamento a través do Plan Corresponsables.