Actualidade e Noticias



Representantes municipais e asociacións de Covelo e da Cañiza abordan a Axenda 2030 no eido local
- 15/03/2024 -

Asociacións deportivas, culturais, veciñais, educativas e medio ambientais participaron no obradoiro €Todos os ODS son locais€ no marco do proxecto People & Planet
Vinte representantes de asociacións e colectivos culturais, deportivos, medio ambientais, educativos e veciñais e persoal técnico municipal participaron xunto aos alcaldes e concelleiras de Covelo e da Cañiza no obradoiro ‘Todos os ODS son locais’, que se imparte en sete concellos máis de Galicia facilitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’.

 

No auditorio público do Concello de Covelo achegáronse a Axenda 2030 para coñecer as 168 metas a alcanzar a través dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta actividade, dirixida a persoal político e técnico dos municipios, deputacións, mancomunidades e asociacións de todo tipo conciencia sobre a importancia que as entidades locais teñen na consecución dos ODS. Para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.

 

O programa permitíu achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informouse das liñas de financiamento dispoñibles e facilitouse o asesoramento necesario. As e os asistentes recibiron unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.

 

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 103 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 27 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade