Present News



O campo de fútbol de Covelo xa é o Amable Ramón Martínez Vidal €Moncho€
- 26/02/2024 -

Emotivo descubrimento da placa co novo nome do campo de fútbol de Covelo
O Concello de Covelo celebrou onte o acto oficial do cambio de nome do campo de fútbol que xa loce a placa “Campo d fútbol Amable Ramón Martínez Vidal “Moncho”. Nun emotivo encontro no que abundaron os abrazos e as felicitacións, “Moncho” quixo agradecer o apoio de todos os presentes pero tamén dos que o acompañaron ao longo de todos estes anos. Xogadores, directivas e afección recibiron palabras de cariño que tamén obtivo a afección e xogadores do Mondariz pola intensa colaboración mantida.


O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, salientou a dedicación, tenacidade e desempeño de Moncho en tódalas tarefas dende os anos 80 do pasado século ata os nosos días que foron recoñecidas e suficientes para que a proposta do grupo de goberno de Covelo contara co voto a favor de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación.


A súa entrega, tempada tras tempada, fixo que onte familiares, amizades, xogadores e veciñanza o acompañasen no momento de descubrir a placa co seu nome. Amable Ramón Martínez Vidal víu recoñecida así a súa destacada labor no ámbito social e deportivo e a súa contribución na dirección, organización e funcionamento do Club de Fútbol Covelo. Acompañado de música e un bo petisco “Moncho” recibíu o aplauso con bágoas de emoción nos ollos e non dubidou en fotografarse con cada un dos e das presentes para inmortalizar o momento.


Moncho fundou o primeiro equipo federado no 1986 e, dende entón, ocupou todos os cargos e asumíu todas as responsabilidades posibles: presidente, delegado, utilleiro, adestrador e encargado de lavandería así como cada un dos traballos que eran precisos para que o Club de fútbol Covelo seguira vivo.


Son moitas as xeracións de mozos que subiron no coche de Moncho, tamén coñecido como “Lato”, para desprazarse aos partidos. Naquel “lato móbil” fixeron quilómetros cargados de ilusión nos que nunca faltou a conversa arredor de fundar unha escola de fútbol chea de rapazada. Precisamente nesas categorías inferiores, de cadetes e xuvenís, era onde Lato puña máis empeño e compromiso facendo, ás veces, de titor e coidador.


Tamén é recoñecido polos distintos equipos de veteranos que ao longo dos anos empregaron como terreo de xogo local o campo de fútbol municipal de Covelo xa que con eles tamén colaborou e colabora nas labores de organización de material e correcto funcionamento das instalacións.


Os fitos máis importantes da historia do campo de fútbol de Covelo levan o nome de Moncho que sempre estivo pendente na procura de melloras. Estivo presente nas primeiras obras de construción do actual campo realizadas no ano 1984 e dende aí actuou como o grande protector non deixando que o tempo pasara por el. Con el sempre presente realizouse a primeira ampliación do terreo de xogo nos anos 90; a construción dos aseos para o público no ano 2001; a mellora dos vestiarios, grada e cantina no ano 2010; a instalación do céspede artificial, novos vestiarios e iluminación no ano 2014 e o acondicionamento de cantina en sala de oficinas no 2022.


Por todos estes motivos no ano 2019 o Concello de Covelo entregou a Amable Ramón Martínez Vidal o premio “Síntete Covelo” que recoñece ás persoas que difunden e traballan pola posta en valor de Covelo e das súas xentes. Recoñecemento que ese mesmo ano tamén foi outorgado ao bailarín e director de ArteAldea, Luis Alberto García Tejedor (Gigi).



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade