Present News



A dramaturga covelense Laura Porto finalista nos Premios de Teatro María Casares
- 23/02/2024 -

Na categoría de “Mellor Texto Orixinal” está a dramaturga covelense Laura Porto por A Nai
Un total de 19 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así o deu a coñecer a Asociación de Actores e Actrices de Galicia durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar no Auditorio de Galicia.


Na categoría de “Mellor Texto Orixinal” está a dramaturga covelense Laura Porto por A Nai, un espectáculo de AmorodioTeatro que fala sobre a historia de tres irmás de Ribadavia: Lola, Amparo e Julia Touza, que axudaron a persoas que fuxían do nazismo durante a II Guerra Mundial. Para escribir esta obra, Laura Porto realizou, xunto ao resto do equipo, un intenso traballo documental recollendo testemuñas, entrevistándose coas voces da memoria aínda viva e recompilando cada un dos poucos datos que quedaron rexistrados. A valentía destas tres irmáns dá vida a unha obra na que tamén se afonda no papel invisible de moitas mulleres, na maternidade ou na migración provocada polos conflitos sociais, bélicos e políticos.


O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, en nome do grupo de goberno quere felicitar a Laura Porto por esta nominación “que nos fai sentir unha ledicia inmensa e decatarnos da importancia de loitar polos nosos soños e de que vivir no rural, en Covelo, non é ningún impedimento para acadalos”. Pablo Castillo salienta que Laura Porto é un exemplo do rural activo, cultural e inquedo, “tesouros que volven ás nosas aldeas e dos que non podemos deixar de sentirnos orgullosos”.


Logo de traballar este verán no país veciño de Portugal, a dramaturga Laura Porto recibe esta nominación con ilusión e con moitos novos proxectos na bandexa de saída, proxectos nos que non faltará o compromiso social non só do trasfondo da obra tamén na metodoloxía de traballo que ten como obxectivo achegar o teatro á veciñanza e a cada recuncho de Galicia.


Relación de finalistas por montaxes




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade