O Concello de Covelo e a Consellería do Medio Rural formalizan un convenio de colaboración para realizar o proxecto “Pavimentación de camiños municipais en Fondo de Vila, Prado” de titularidade do concello de Covelo e destinada ao uso público.
O alcalde, Pablo Castillo, e a conselleira de Medio Rural, Inés Santé, asinaron o convenio que posibilita que Medio Rural asuma a realización das obras sinaladas con cargo aos seus orzamentos, correspondéndolle en exclusiva a súa licitación ou encargo, tramitación e dirección. Pola súa banda o Concello deberá realizar as xestións oportunas e aportar os terreos precisos para unha boa execución das obras.
Deste xeito a Consellería licitará por un total de 48.398,25 € a pavimentación de camiños municipais en Fondo de Vila e Camiño da Fontiña. Unha vez realizada as obras o Concello de Covelo asumirá o mantemento e conservación deste tramo.
Co obxectivo de mellorar os servizos públicos no rural e facilitar o día a día das persoas, Concello e Consellería posibilitarán condicións de viabilidade óptimas neste camiño renovando a rodadura e a drenaxe.
Actualmente este tramo conta cun formigón de pouco espesor deteriorado, con zonas de aglomerado, moitas fochancas provocadas polas correntes de auga subterráneas das leiras lindantes e con sumidoiros que non recollen a auga acabando por discorrer pola superficie.
Ao longo dun mes executaranse traballos de limpeza de beiravías e cunetas, drenaxes para a recollida de augas subterráneas, demolición e pavimentación. Para isto instalaranse canaletas con rellas de fundición, arquetas e salvacunetas, novas tubaxes para a condución de augas, rego de adherencia e tarefas de demolición en cruces e entradas para a súa posterior pavimentación, entre outros traballos. Ademais, ao remate pintaranse as marxes de todo o camiño para mellorar a seguridade viaria.
Máis de vinte fogares beneficiaranse da execución destas obras que permiten un acceso e tránsito máis seguro e cómodo.