Naceu en Colombia e residíu en Ourense e Salceda de Caselas, esta moza graduada en Dereito pola Universidade de Vigo descubriu o rural galego da man do Concello de Covelo onde traballa a diario. Pero en Covelo non só tomou contacto coa aldea galega tamén atopou unha vocación, a de servir para a administración local. “Nunca antes mo plantexara, rematei a carreira e pensaba en dedicarme á avogacía. Mentres non atopaba preparaba oposicións para Facenda pero o traballo no Concello de Covelo abríume outras vías laborais que me gustan máis e xa me puxen a preparar as oposicións para a administración local”, explica Valentina Gómez.
Para esta moza de 26 anos Covelo supuxo algo máis, a posibilidade de acceder ao mercado laboral xa que o a praza ofertada polo concello de Covelo posibilitou o seu primeiro emprego e que comezara a pór en práctica os seus coñecementos teóricos.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, salienta a importancia destes programas de inserción laboral que promoven o primeiro emprego xa que ao ser traballadoras/es cualificados complementan o traballo diario do persoal municipal. “É un proceso enriquecedor para todas e todos. Por un lado o persoal municipal amósalles a práctica, o día a día a resolución de tarefas, como intervir ante casos excepcionais... Por outro lado as persoas que se incorporan enriquecen con contidos actualizados, novas tecnoloxías e recursos dixitais. E tamén a veciñanza en xeral recibe esta mellora no servizo público”.
O programa “Primeira Experiencia Profesional 2023” da Deputación de Pontevedra a través do SEPE deulle a esta moza graduada en Dereito unha oportunidade no rural.