A décimo sexta edición abrirá as súas portas a última semana de abril para achegar a música culta á cidadanía. As máis afamadas e afamados músicos pasarán un ano máis pola igrexa de San Martiño, enclavada no conxunto histórico da rectoral de Barcia de Mera.
Música, voces e interpretación envolverá unha paraxe tan privilexiada como o público asistente aos concertos que conectarán a primavera co comezo do outono. Así, ao longo de cinco meses poderemos gozar de sete concertos que, como cada ano, encherán os bancos da igrexa.
Nieves García Sotos e o Pai Rafael, Alma Mater do Ciclo, adiantan que, previsiblemente, a presentación do programa será a principios de abril e que esta será unha edición con novidades xa que “o Ciclo de Música de Barcia de Mera medra cada ano ao igual que o interese do público e por iso queremos agasallarlles sorpresas e o mellor da música clásica actual”.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, quere recoñecer o intenso traballo que realizan e a importancia desta cita anual estable que oferta cultura nunha parroquia do rural posibilitando o coñecemento de orquestras, solistas, artistas e músicos en xeral chegados de todo o mundo ademais de ser a mellor tarxeta de presentación para o público que descubre Covelo por vez primeira.