Dende o grupo de goberno manifestan o seu agradecemento a todas as persoas que se interesaron “porque son un bo indicador de que estamos ofertando actividades axeitadas e do gusto das persoas que valoran o patrimonio etnográfico, histórico e natural”. O alcalde, Pablo Castillo, engade que seguirán traballando nesta liña e amosa a súa satisfacción ao comprobar que a riqueza paisaxística e medio ambiental destas terras esperta curiosidade e boas valoracións sendo cada vez máis grande o número de persoas que visitan Covelo na procura de experiencias en contacto coa natureza.
A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, competencia que comparte co alcalde, sinala que na tempada alta de verán houbo unha ocupación moi alta nas casas de turismo rural, albergue, hotel, pensións, vivendas turísticas, rectorais e quintas. Salienta, tamén, que na enquisa realizada entre os aloxamentos reflectíase que unha boa parte da clientela chegaba atraída pola natureza, pola tranquilidade e polo turismo do benestar. Lourdes Enes engade que o gusto polo rural non só se nota nas tempadas vacacionais, tamén na demanda de vivenda de aluguer e en propiedade para residir de xeito estable. “Cada vez son máis as familias que nos preguntan por vivendas para vivir, familias que procuran un entorno saudable para criar aos seus fillos, persoas que teletraballan ou que procuran un lugar con servizos pero afastada do ruído”.
O Concello de Covelo oferta unha programación de actividades de posta en valor da natureza ao longo do ano, guiadas e totalmente de balde.