Acompañar ás veciñas e veciños ao longo do ano, salientar as datas das festas locais e, sobre todo, amosar a beleza natural e paisaxística son outros dos obxectivos deste calendario que se repartíu entre a hostalaría local de todas as parroquias para facilitar que as persoas que non viven no centro urbano poidan recollelo.
Ademais, calquera persoa empadroada pode achegarse en horario de mañá de 9 a 14 horas ao Concello e facerse con este primeiro agasallo de nadal que, con cariño e orgullo, distribúe a administración local.
Baixo o título “Covelo é arte” atopamos un total de once fotografías seleccionadas do concurso de fotografía convocado polo Concello que nos levan pola reitoral de Barcia de Mera; polo amencer en Ponte Maceira; polo noso extenso, elegante e sinxelo patrimonio micolóxico; polas rutas máxicas acompañadas por hórreos e variada paleta de cores no horizonte para parar a tomar unha “caña” na praza e falar cos coñecidos e coñecidas da fogueira de San Xoán ou das moitas tradicións que aínda conserva Covelo. Amparándonos nas sombras e luces do luscofusco subiremos ao Faro de Avión ou achegarémonos a contemplar os restos do pasado en San Estevo de Casteláns. Refrescaremos a vista no río de Castro para poder seguir contemplando o amplo patrimonio natural e histórico do Concello de Covelo.
“Todas as persoas veciñas de Covelo formamos parte dunha comunidade que vive nun lugar fermoso que temos a obriga e a responsabilidade de coidar, respectar e mellorar. E podemos facelo a través da nosa participación en colectivos como as comunidades de montes, as asociacións veciñais ou culturais, de mulleres rurais, as comunidades parroquiais, os clubs deportivos, o voluntariado, Protección Civil… ou simplemente cultivando as nosas relacións sociais e culturais e compartindo as celebracións e festas populares coa intención de mellorar o noso sentimento de pertenza a unha colectividade”, sinala o alcalde Pablo Castillo que, no seu nome e no das concelleiras e concelleiros da Corporación do Concello de Covelo, desexa un feliz e venturoso ano.