O concello de Covelo realiza nestes días as probas de comprobación de coñecementos para a selección de persoal ao abeiro do Plan de Obras e Servizos (Plan Concellos 2022) da Deputación de Pontevedra.
En concreto, estes días o Concello incorporará a cinco peóns forestais para servizo de xestión de biomasa forestal, prevención de incendios e mantemento de espazos públicos. Ademais permitirá a contratación de catro peóns para limpeza, recollida do lixo e mantemento de traidas de augas, dous condutores de camión do lixo, dous peóns para mantemento e seguridade na piscina municipal e nas praias fluviais e un auxiliar administrativo para servizos públicos administrativos.
O alcalde Pablo Castillo e a concelleira de Emprego Lourdes Enes amosan a súa satisfacción pola incorporación deste persoal que apoiará o traballo diario e contribuirá na mellora da calidade dos servizos municipais ao longo dos seis meses que durará o seu contrato.
“Trátase de persoas desempregadas que teñen a oportunidade de comezar a traballar e que suporán un importante apoio ao traballo diario das e dos nosos empregados municipais”, explica o alcalde.
Nestes días, estanse a facer as probas de coñecementos para cada posto de traballo, “e homes e mulleres realizan as probas en igualdade independentemente do posto que sexa”, matiza a concelleira.