Actualidade e Noticias



"Circo de Lume" este xoves na praza Mestre Cerviño de Covelo
- 19/12/2023 -

Dentro da programación de nadal e totalmente de balde a veciñanza gozará dun espectáculo de pura acción
 O Concello de Covelo convida a toda a cidadanía a gozar do espectáculo “Circo de Lume” programado para este xoves día 21 dentro da programación de nadal. A partir das 19:30 horas a praza Mestre Cerviño do centro urbano encherase de vida para acoller esta proposta de Asacorcirco. Un espectáculo de pura acción co obxectivo de manter a atención ao 100% e impresionar ao público.

 

“Circo de lume” é para tódolos públicos e ideal para a noite. Consta de emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e trato directo co público. Interpretado por Joao Alvim e Miriam Crespo, que fan que este espectáculo luza efectos visuais impresionantes.

 

Asacocirco

A bonita historia deste dúo hispano-brasileiro comeza no momento no que se coñecen no ano 2006 coincidindo durante un Cabaret de Circo en Santiago de Compostela. Pouco tempo despois desta unión, toman a decisión de fusionar nun espectáculo todos os seus coñecementos e experiencias, buscando na rúa o seu mellor espazo escénico e a comunicación directa co público. No 2007 fundan a compañía Asacocirco, intégrana Miriam Crespo e Joao Alvim, varios anos antes comezan a súa formación en distintas disciplinas circenses centrándose nos malabares como eixo principal e combinándoa con outras artes. Desde se coñecen non paran de actuar, crear, viaxar, rir e tamén chorar ata conseguir un estilo de humor que non ten fronteiras e que cativa a público de todas as idades. O primeiro espectáculo, de circo de rúa, chamárono “Casal em Risco”, despois de moita experiencia co sincero público da rúa cara a cara, foron adaptando  e mellorando ata conseguir o que hoxe se chama “Asacocirco Show”. Despois veu o espectáculo de interior para teatros e salas “O Ladrón de Paxaros” froito da unión do teatro con técnicas circenses e efectos visuais. E o seu último espectáculo rodado, de pura acción, risco e o indispensable humor, adopta o novo nome que usaron os espectadores de Soria (España), como “Circo de Lume”. E a súa última “BB Circus” é un espectáculo familiar, cariñosamente dirixido a bebés con música en directo e ruidismo, a cargo de Sergio Crespo Gómez, novo integrante da Compañía.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade