Actualidade e Noticias



Cine, espectáculos, patinaxe, premios e teatro no nadal do Concello de Covelo
- 12/12/2023 -

Actividades totalmente de balde e para todos os públicos
O Concello de Covelo celebrará o nadal con cine, patinaxe, premios e teatro, actividades deseñadas para todos os públicos. A Feira de Nadal no pavillón deu o pistoletazo de saída da programación de nadal que o Concello deseñou para estes días festivos.

 

Este domingo día 17 de decembro ás 17:30 horas o pavillón municipal abrirá as súas portas para festexar o Festival de Nadal do Club de Patinaxe Covelo. As patinadoras e patinadores agasallarán ao público un espectáculo no que a danza, a técnica e a habilidade serán as protagonistas. Totalmente gratis, club e deportistas exhibirán o mellor do seu traballo diario para que toda a cidadanía e visitantes gocen deste deporte.

 

O xoves día 21 chegará á praza Mestre Cerviño “Circo de Lume” un espectáculo de Asacocirco que terá lugar ás 19:30 horas. Circo de lume é un espectáculo de acción para todos os públicos. Consta de emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e trato directo co público. Interpretado por Joao Alvim e Miriam Crespo, malabaristas con máis de trece anos de adestramento, que fan que este espectáculo luza efectos visuais impresionantes e de maneira segura, dignificando asi o motivo dos actos con lume.

 

O domingo día 23 volverá a emoción ao auditorio municipal coa celebración da gala dos premios “Síntente Covelo”. Ás 18:30 horas o Concello recoñecerá ás persoas que polo seu empeño persoal na defensa e promocion da vila destacaron ao longo destes anos. A entrega de premios contará coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus.

 

O día 30 ás 19 horas haberá sesión de cine gratis no auditorio municipal para comezar xa a despedir o ano todas e todos xuntos.

 

A agardada cabalgata de Raíñas e Reis con percorrido por tódalas parroquias sairá ás 16 horas rumbo ás parroquias nas que os paxes e as Raíña e Reis repartirán sorpresas doces para chegar ás 18:30 horas ao centro urbano e visitar a residencia de maiores. Animación musical e a tradicional chocolatada con rosca para toda a veciñanza e visitantes que se acheguen ao pavillón municipal serán os pratos fortes da xornada do día 6 na que ademais haberá agasallos para as e os máis pequenos que poderán xogar nos inchables, na pista americana ou no tobogán de bolas.

 

A programación de nadal pecharaa a Coral Xuntanza de Covelo co seu concerto o día 7 no auditorio municipal ás 18 horas.

 

O goberno de Covelo, a través do seu alcalde, Pablo Castillo, convida a toda a veciñanza a participar nestes actos que permiten non só gozar da cultura e do lecer, tamén confraternizar e celebrar todos xuntos estas datas tan especiais. 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade