Present News



Vacacións verdes e sostibles no concello de Covelo
- 18/03/2022 -

O goberno de Covelo lanza a súa campaña de promoción turística na área metropolitana para ofertar unha proposta vacacional de Semana Santa a poucos quilómetros e rodeados de natureza
Por segundo ano consecutivo o goberno de Covelo aposta pola promoción turística do concello na cidade de Vigo. Captar a ollada da área metropolitana e posicionarse na axenda do turismo de proximidade son os obxectivos desta estratexia segundo explica a concelleira de Turismo, Lourdes Enes.

 

Tres valos publicitarios de grandes dimensións e un monoposte recórdanlle á cidadanía que ten plans para a fin de semana no concello de Covelo. Lourdes Enes adiántanos que nestes días Covelo lucirá nunha valla situada na avenida de Madrid nunha zona comercial á altura das gasolineiras e na entrada da cidade tamén nesta mesma avenida pero á altura do seminario. Ademais, na estrada VG-20, na saída da circunvalación e rotonda da Zona Franca-Bouzas, os condutores e acompañantes poderán descubrir “Covelo é Natureza Vívea” e na avda. Ricardo Mella-cruce praia Vao “Covelo é Sabor Víveo”.

 

Trátase de captar ao turismo de proximidade pero tamén de ofertar unha proposta para as vacacións da Semana Santa. Eliximos puntos de paso de alta densidade de tráfico pero que a vez fose un punto de parada como semáforos ou de ralentizar a velocidade, como as rotondas e saídas de estradas, para que dea tempo a contemplar os contidos publicitarios”, explica o alcalde Pablo Castillo.

 

Turismo verde, sostible e para todos os petos

Sen ter que percorrer grandes distancias e cunha oferta baseada na riqueza paisaxística, gastronómica e patrimonial, o concello de Covelo oferta de xeito estable ao longo do ano rutas de sendeirismo e visitas guiadas ao serradoiro dos Carranos totalmente de balde cada primeiro e segundo domingo de mes. Completa a oferta as rutas do Museo Pazo da Cruz e a experiencia de observación de estrelas dende o observatorio do Alto do Castelo do Faro, que é un dos puntos mais altos da provincia de Pontevedra. A súa gastronomía e a oferta hostaleira con prezos económicos son outros dos atractivos xunto á riqueza dos seus bosques e ríos.

 

As visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes.

 

As xornadas de portas abertas do serradoiro dos Carranos terán lugar cada primeiro domingo de mes. As inscricións abren o luns desa semana ata esgotar as prazas. Do mesmo xeito, os roteiros guiados e interpretados terán lugar o segundo domingo do mes e as inscricións abren o luns da mesma semana ata esgotar prazas”.

 

As rutas do Museo Pazo da Cruz

Pero ademais o concello de Covelo ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín. Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro do Santísimo Cristo dos Aflixidos obra do escultor José Cerviño, a continuación visita ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, a Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús e repartiranse agasallos aos participantes.

 

Observar as estrelas

Para as/os interesadas/os nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata o alto da Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Castelo do Faro, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade