Present News



Covelo recoñece á futbolista Marta Castillo e ao futbolista Pablo Aparicio polos seus logros deportivos
- 04/12/2023 -

Pablo Aparicio Carballo, convocado pola Selección Española de Fútbol Sub-15, e Marta Castillo Gómez, convocada pola Selección Galega feminina de Fútbol Sub-14, foron recoñecidos no salón de plenos do Concello de Covelo

O Concello de Covelo recibíu á futbolista Marta Castillo Gómez e ao futbolista Pablo Aparicio Carballo para recoñecer os seus logros deportivos facéndolle entrega dunha placa institucional e dun sentido aplauso da directiva do club de fútbol local, veciñanza e familiares que asistiron ao acto celebrado no salón de plenos da Casa do Concello. Nesta recepción cargada de emocións, o alcalde, Pablo Castillo, e a concelleira Lourdes Enes, no nome de toda a Corporación, desexáronlle moitos éxitos deportivos e persoais convidándoos a seguir loitando polos seus soños.

 

O futbolista do Celta de Vigo de 14 anos de idade, Pablo Aparicio, vén de ser convocado pola Selección Española de Fútbol Sub-15 para xogar os vindeiros días 6, 8 e 10 de decembro na cidade de Alfaz del Pi en Alicante. Este mozo, con orixes na parroquia de Casteláns, comezou con tan só 3 anos a xogar ao fútbol sala no equipo La Paz, pasando despois ao Sárdoma, logo ao Candeán e ao Val Miñor para fichar co Real Club Celta de Vigo aos 12 anos. Xa no ano 2022 e neste 2023 foi convocado pola Selección Galega de Fútbol sub-14 para o campionato de España. Sen abandonar os seus estudos de 3º da ESO, Pablo adestra na Madroa tres horas diarias catro días á semana. Algo que non impide que os seus resultados académicos sexan de sobresaínte para poder estudar no futuro Medicina e ser médico deportivo.

 

A infantil Marta Castillo, da parroquia de Santa Marina, tamén comezou dende ben pequena a sentir a paixón polo fútbol e dende os catro anos que se iniciou no futbito non deixou nunca de medrar como deportista. Dende o Club de Covelo fichou para o da Cañiza onde adestra nun equipo mixto sendo ela a única fémina. Marta foi convocada pola Selección Galega de Fútbol Sub-14 para xogar coa subselección de Vigo en Braga quedando subcampioas e acadando o título de campioas de Galicia en Silleda con esta mesma subselección. Os primeiros contactos coa selección galega foron no 2019 cortando a súa traxectoria a pandemia. Algo que non impedíu que esta futbolista seguira mellorando ata o día de hoxe no que a pesar de recibir ofertas doutros clubs elixe xogar cos da Paradanta. Ao igual que Pablo tamén é quen de compaxinar o deporte e os estudos de 2º da ESO con moi bos resultados, véndose no futuro exercendo profesións relacionadas co deporte e co ensino.

 

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade