Actualidade e Noticias



O Concello de Covelo executa obras por máis de 120.000€ para reparar os danos por temporais
- 04/12/2023 -

Nestes días desenvólvense obras en Casteláns, Godóns, Santiago de Covelo e San Salvador de Prado
O Concello de Covelo executa traballos de reparación e reconstrución por un total de 122.052€ nas parroquias de Casteláns, Godóns, Santiago de Covelo e San Salvador de Prado. Con estas obras o Concello procede a arranxar os danos causados pola climatoloxia adversa en infraestruturas municipais. “Non só se realizarán traballos de reposición e arranxo, tamén se prevén obras que melloren as condicións anteriores e así evitar futuras incidencias provocadas pola intensidade de auga dos temporais”, explica o alcalde, Pablo Castillo, que tamén sinala que as intervencións estanse a realizar en espazos de uso diario da cidadanía.


Na parroquia de Casteláns actúanse en dous lugares, no torreiro de festas de Lourido e ao carón do cemiterio de A Costa. En Lourido o Concello traballa na mellora da canalización de augas pluviais ao non soportar a existente grandes caudais de auga. A anterior canalización non podía evacuar a auga das intensas choivas motivo polo que a auga circulaba por fóra asolagando o parque público e provocando o derrubamento do muro de contención. Agora o Concello trasplanta as árbores e retira as pedras caídas polo derrubamento do muro e procede a levantar un novo muro de mampostería con pedra granítica que conteña o camiño. Tamén colocará unha nova baranda e para evitar futuros derrubamentos actuará sobre a recollida de aguas pluviais retirando a canalización de formigón existente e substituíndoa por tubería de polietileno, ademais de colocar arquetas e realizar traballos de drenaxe, entre outros, cun custo total 59.493€


No cemiterio da Costa realízase unha actuación similar de desmonte, cimentacións, reconstrución de muros de contención, condución de augas, colocación de arquetas e instalación de barreiras de seguridade ao ser insuficiente a capacidade da cuneta existente que non consegue evacuar toda a auga que baixa da pista de acceso ao monte. Estas obras teñen un valor de 35.007€.


Na Bugariña, Godóns, investíronse 14.103€ na reparación do talude caído realizando un novo muro de mampostería con canteira de pedra granítica. Tamén se procederá a unha axeitada canalización das aguas para evitar futuros incidentes.


No barrio de Carballeda, parroquia de Santiago de Covelo, desenvolvéronse traballos de desbroce, retirada de canalización rota e instalación de novos tubos de formigón, arqueta e talude para contención do camiño cun custo total de 11.168€.


Por último, contémplase a reparación da Ponte Tieliñas en San Salvador de Prado danada polas intensas choivas e que suporá un gasto de máis de 18.945€.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade