Present News



O Concello de Covelo felicita a Concepción Val Cousiño polo seu 108 aniversario
- 27/11/2023 -

O Concello de Covelo, a través do seu alcalde, entregoulle un agasallo e recoñeceu o seu carácter loitador e valente
O Concello de Covelo quixo achegar os seus parabéns a Concepción Val Cousiño, veciña de Covelo, que acaba de cumprir 108 anos. O alcalde, Pablo Castillo, a concelleira María Valiño e o ex concelleiro José María Vázquez visitárona para entregarlle un agasallo e todo o cariño a súa veciña máis lonxeva.

 

Concha é apreciada na súa parroquia e no concello por ser unha muller valente que non dubidou en marchar para Alemania cando tivo que sacar adiante aos seus fillos. Xa de pequena era quen de realizar traballos de forza e carácter”, sinala o alcalde.

 

Nacida o 21 de novembro do ano 1915 no lugar de Pencellos, Maceira, Concepción é nai de 2 fillos, Carmen e Valentín; ten 3 netos, Silvia, Víctor e David e 2 bisnetas, Sara e Alicia. Pero na familia de Concha tamén están o seu xenro, Antonio, e a súa nora, María del Carmen, e así o fai saber. Ten tamén no seu corazón ao seu irmán Sergio que vive en Uruguay e non esquece a seu home, Valentín, finado hai anos.

 

Coñeceu o traballo do campo galego e tamén a emigración cando con corenta e oito anos decidíu marchar traballar a Alemania a unha fábrica de porcelana na que estivo doce anos. Dende pequena aprendeu a ser forte e a estar aló onde fose preciso para axudar á familia, sendo nena axudaba ao pai a carretar coa parella de bois que había na casa e traballou guiando aos bois que levaban as pedras nun carrro para a construción da central eléctrica de Maceira.

 

Ata o último día que puido calcetou para toda a familia e prolongou ata o máximo posible a súa estancia en Maceira onde tivo todo tipo de animais: galiñas, porcos, ovellas, vacas… e unha horta capaz de subministrar a todos os fillos e netos cada fin de semana. “Sempre ten o as para matar o tres e sempre atopa apoio no refraneiro popular para os seus argumentos”, explica a súa familia.

 

Agora vive na residencia de maiores de Coia onde a súa familia a visita semanalmente. Dela dín que é unha muller loitadora e coas ideas claras que se enche de enerxía cada vez que a visita a familia, algo que a mantén con vida.

 

Concha é a máis lonxeva de Covelo e, probablemente, da comarca da Paradanta. Na súa memoria atesoura os grandes cambios sociais, económicos e históricos non só de Galicia, tamén de España e do mundo inmerso, no ano do seu nacemento, na I Guerra Mundial.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade