Present News



Camiña na natureza no Concello de Covelo
- 22/11/2023 -

De balde e doada, así é a ruta de sendeirismo que o Concello de Covelo propón para este domingo día 26
Totalmente de balde e doada, así é a ruta de sendeirismo que o Concello de Covelo propón para este domingo día 26. Oito quilómetros ao longo dun trazado circular con tramos lineais que nos permitirán descubrir a beleza do Roteiro dos Carranos PRG-g 95.


As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, 654 500 652, persoa que acompañará ao grupo ofrecendo información útil que nos axudará a entender a riqueza medioambiental e histórica que agocha este roteiro. O punto e hora de encontro para a saída será o Serradoiro dos Carranos ás 09:00 horas.


Xornadas de portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da súa aula de natureza, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía, roteiros guiados de distintas dificultades programados para cada mes e outras moitas máis actividades que organiza o Concello para promover hábitos de vida saudable e pór en valor o patrimonio medio ambiental, etnográfico e histórica destas terras”, explica a Concelleira de Cultura, Lourdes Enes.


Ademais o Concello colabora e da apoio a iniciativas de colectivos que promoven a sensibilización, difusión e promoción da arte e da natureza como as xornadas micolóxicas deste sábado día 25 que organiza Covelonatural e que inclúen un amplo programa con saída guiada ao campo, cociña, charla e proxección documental.


A programación anual do Concello de Covelo permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada que pon en valor o patrimonio cultural e natural.


O Roteiro dos Carranos

O roteiro dos Carranos (PR-G 95) recibe o seu nome do serradorio e percorre o territorio entre as parroquias de Fofe e Maceira. Dende Fofe de Arriba comeza un descenso por antigas corredoiras ata a ponte medieval. Logo de camiñar á beira do río Tea, a senda ascende ata a o Serradoiro dos Carranos, en Maceira.


Existe a posibilidade de desviarse do roteiro na derivación que remata na praia fluvial de Maceira. Ó retornar comeza o camiño de volta a Fofe. Primeiramente os pasos de Ponteliñares e máis tarde volver ao roteiro ata a ponte medieval. Alí, podemos visitar o muíño de Ganza e voltar ata Fofe de Abaixo pechando o percorrido visitato a igrexa de San Miguel.


O Serradoiro dos Carranos é unha obra mestra da arquitectura e enxeñería. Este serradoiro, construído pola familia Vales no 1922, utiliza a forza motriz da auga para mover unha serra de cinta e outras maquinarias. Neste momento está rehabilitado para a visita con material didáctico repartido entre as diferentes estancias do conxunto. As visitas deben ser concertadas no Concello de Covelo ou nos teléfonos do cartel da entrada.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade