Actualidade e Noticias



O DNI das Pedras está en Covelo
- 16/11/2023 -

Concello de Covelo e a asociación Covelonatural lanzan a curtametraxe documental "Pedras e Uces. A Paisaxe Identitaria"
Din que os de aquí teñen algo especial. Falan e escriben dunhas xentes do sur da Dorsal” así comeza a curtametraxe “Pedras e Uces. A Paisaxe Identitaria”. Na voz de Miguel Fernández, mozo da parroquia de Maceira, a Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea Covelonatural e o Concello de Covelo queren amosar ao mundo a riqueza etnográfica, histórica, medioambiental e paisaxística destas terras.

 

Producido e dirixido polo biólogo, fotógrafo e guía de montaña, Julio Eiroa, a curtametraxe forma parte dunha serie documental que relata a importancia da identidade da paisaxe e das xentes que viven nas serras do Sur da Dorsal Galega (Serra do Suído, Serra do Faro de Avión e Serras do Montouto e A Paradanta).

 

As pedras presentes nos valados das cavadas, nos pasos, nos chozos, nos sesteiros, nos foxos do lobo ou nos currais son testemuñas da riqueza agrogandeira e atesouran a vida pasada das xentes das serras do sur da Dorsal Galega.

 

A través da voz dun neno como símbolo da herdanza recollida e do relevo xeracional, Covelonatural ínstanos a coñecer a riqueza do monte, a non deixar de agasallar aos nosos fillos e fillas o coñecemento da terra, as historias vividas e as posibilidades de dar vida que ten a fauna e flora da montaña pero tamén cada pedra que os nosos antergos colocaron. As uces son a parte viva dos nosos montes que dependendo da época do ano nos permiten coñecer unha parte da historia e do hábitat ou outra. A hostilidade do inverno coa maleza baixa convídanos a investigar as estruturas e a historia das pedras. A frondosidade da primavera a fauna e flora en plena efervescencia.

 

A presidenta de Covelonatural, Carla Díaz Tielas, explica que “Pedras e Uces. A Paisaxe Identitaria” é a segunda curtametraxe desta iniciativa que a finais do ano ano 2020 comezaba a súa andaina coa publicación da curta “Turbeiras de montaña”, tamén ideada e producida por Julio Eiroa. No 2022 Covelonatural ofertou actividades grupais guiadas para coñecer as turbeiras e vivir en primeira persoa cada unha das escenas da primeira curtametraxe na Telleira e Chans de Fontefría (Serra do Montouto) ou en Chan de Lamacabreira (Serra do Suído). Todo o material está dispoñible no sitio web Covelonatural

 

Concello e Covelonatural reforzan con esta iniciativa os traballos iniciados por investigadores como Estanislao Fernández de La Cigoña ou Paula Ballesteros, entre outros, e o recoñecemento de “Paisaxe Gandeira” que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do goberno de España realizou no ano 2015 no marco do proxecto “Cien paisajes culturales en España”. “Dar apoio a iniciativas que catalogan, estudan e difunden a riqueza natural do noso Concello é fundamental para a posta en valor do territorio e para a súa promoción”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

 

Julio Eiroa explica que, a través tamén de GESDOGAL (Grupo de Estudos para a Defensa do Sur da Dorsal Galega), formada por antropológos, arquitectos e biólogos para a divulgación en clave científica da riqueza dos valores ambientais, culturais e patrimonias do Sur da Dorsal Galega; está reinventariando o patrimonio etnográfico, histórico e medioambiental, dixitalizando tamén arquivos de persoas que levan anos estudando a riqueza destas terras.

covelonatural.blogspot.com/2023/11/curtametraxe-documental-sobre.html

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade