Actualidade e Noticias



O Serradoiro dos Carranos e a aula de natureza abren as súas portas este domingo en Covelo
- 16/11/2023 -

O Concello de Covelo organiza unha nova actividade de portas abertas do serradoiro dos Carranos, será este domigo día 19 de novembro totalmente de balde
Promover hábitos de vida saudable e difundir a riqueza patrimonial e medioambiental do Concello de Covelo é o obxectivo das visitas guiadas que se programan ao longo de todo o ano totalmente de balde, así o explica a Concelleira de Cultura, Lourdes Enes. Este domingo 19 de novembro haberá unha nova xornada de portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da súa aula de natureza organizada polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. As visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades.


O Concello oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, 654 500 652.


A programación anual do Concello de Covelo permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada que pon en valor o patrimonio cultural e natural.


O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade