Actualidade e Noticias



Covelo investíu 35.000€ na mellora das instalacións do campo de fútbol e da cantina
- 10/02/2022 -

A directiva do club de fútbol conta xa cunha oficina, un almacén para enseres
de mantemento do campo e un aseo
O goberno realizou tamén melloras de acondicionamento do interior da cantina, ambas obras co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia
 O goberno de Covelo realizou obras de mellora nas instalacións do campo de fútbol municipal e da cantina por valor de 34.999,99€. As obras foron financiadas co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e permitiron a instalación de tres módulos prefabricados para uso da directiva e do persoal de mantemento do campo e o acondicionamento da cantina do campo de fútbol ubicada no Campo da Feira.

Por un lado o Concello procedeu á construción dun edificio de servizos composto por tres módulos prefabricados para suplir a carencia dun espazo de reunións para a directiva que agora poderá contar cunha oficina, un almacén para enseres de mantemento do campo e un aseo. Esta infraestrutura de preto de 40 metros cadrados ubícase nunha parcela municipal anexa ao terreo de xogo que xa contaba con saneamento, abastecemento de auga e rego, rede de electricidade e alumeamento público.

Desta forma, obtéñense edificios modulares cun alto nivel de confort, grazas aos seus niveis de illamento, e totalmente desmontables e trasladables. Este novo edificio conta con conexión á rede eléctrica, conexión á rede de abastecemento de auga e tamén á rede de saneamento.

Por outra banda, o Concello acometeu obras de acondicinoamento do interior da cantina do campo de fútbol que da uso e servizo ao público xeral tanto os días de partido como o día da Festa do Churrasco no día de Santiago Apóstolo. As obras permitiron a instalación dun falso teito desmontable, o pintado de todo o interior e a substitución das luminarias existentes por oito luminarias de tipo panel LED.

O alcalde Pablo Castillo explica que esta era unha demanda tanto dos e das usuarias do campo de fútbol como da directiva do club de fútbol que agora contará cun espazo cómodo e propio no que desenvolver pequenas reunións, gardar arquivos ou almacenar repostos derivados desta actividade deportiva. A elección dos materiais tanto da estrutura como do alumeamento perseguen o aforro enerxético e unha diminución das emisións de CO2 dando un paso máis na consecución dos ODS e das directrices do Pacto das Alcaldías (PACES).



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade